miércoles. 19.11.2025

O Porriño exhibe a súa transformación urbana e acolle o encontro comarcal sobre os proxectos do Plan Extra

O Porriño reuniu hoxe a representantes de seis concellos da comarca de Vigo nun acto no que a Deputación de Pontevedra destacou o carácter estratéxico dos proxectos do Plan Extra. O municipio aproveitou a ocasión para presentar a transformación urbana do entorno de Pío XII, chamada a renovar por completo o corazón da vila.

As autoridades locais e provinciais, xunto aos representantes dos concellos da comarca de Vigo, durante o acto celebrado no Porriño para presentar os proxectos do Plan Extra.
As autoridades locais e provinciais, xunto aos representantes dos concellos da comarca de Vigo, durante o acto celebrado no Porriño para presentar os proxectos do Plan Extra.

O Porriño converteuse esta tarde no punto de encontro de alcaldes, concelleiros e representantes veciñais dos seis concellos que integran a comarca de Vigo —O Porriño, Mos, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Redondela e Soutomaior— nun acto no que a Deputación de Pontevedra expuxo o carácter estratéxico e transformador dos proxectos que están en marcha ao abeiro do Plan Extra.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, dirixíndose ao público para destacar a transformación urbana do entorno de Pío XII e o impacto do Plan Extra no municipio.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, dirixíndose ao público para destacar a transformación urbana do entorno de Pío XII e o impacto do Plan Extra no municipio.

O encontro tivo lugar na rúa Pío XII, espazo que o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, definiu como “símbolo da transformación, da colaboración e do futuro que queremos para as nosas vilas”. O rexedor deu a benvida aos asistentes destacando que este ámbito urbano vive unha “transformación histórica” que representa a filosofía dos proxectos que están a mellorar a vida das persoas.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Luis López, salientou o compromiso da institución provincial coa financiación das actuacións en todos os municipios presentes, subliñando o papel determinante dos concellos “á hora de definir as obras que mellor responden ás necesidades da súa veciñanza”.


Un novo espazo público para transformar o corazón urbano do Porriño

No marco do acto, o Concello do Porriño presentou oficialmente o proxecto do “Novo espazo público no entorno de Pío XII”, unha das intervencións máis ambiciosas dos últimos anos e chamada a redefinir o centro urbano. Cun orzamento total de 2.076.926,24 euros, a obra estrutúrase en:

  • 1.740.703,82 € para execución dos traballos (actualmente en licitación)

  • 336.222,42 € para adquisición de parcelas que ampliarán o espazo público

A Deputación achega 1,1 millóns de euros a través do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, facendo posible a recuperación dunha ampla praza interior ata agora fragmentada e de uso limitado.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliñou que se trata dun proxecto “que marcará un antes e un despois no deseño urbano do Porriño”.
“Recuperamos máis de 4.000 metros cadrados para crear un gran parque urbano accesible, cheo de vida e pensado para todas as xeracións”, afirmou, agradecendo tamén a colaboración institucional que permite materializar actuacións “agardadas durante décadas”.

As autoridades presentes no estrado durante o acto institucional, no que se puxo en valor a colaboración entre concellos e Deputación para impulsar proxectos estratéxicos.
As autoridades presentes no estrado durante o acto institucional, no que se puxo en valor a colaboración entre concellos e Deputación para impulsar proxectos estratéxicos.

Un eixo peonil, verde e integrador

O novo espazo público completará a rehabilitación do Parque de Fontevella, actualmente en execución, e conectarase coa rúa Antonio Palacios e a avenida Domingo Bueno, configurando un eixo urbano continuo, verde e peonil.

A proposta tamén integra o Centro Social, mellorando accesos e abrindo o equipamento ao novo ámbito para facilitar a entrada das persoas maiores.

Entre os elementos máis destacados do proxecto figuran:

  • Parque infantil cuberto en dúas cotas

  • Zonas de sombra e descanso aproveitando o arborado

  • Anfiteatro exterior para actividades culturais

  • Espazos de auga, chorros e pequenos canais para o xogo infantil


Mirando ao futuro: novos proxectos en marcha

Alejandro Lorenzo avanzou tamén outras actuacións para as que o Concello solicitará apoio da Deputación:

  • Rexeneración urbana de Torneiros

  • Renovación do velódromo municipal, único en Galicia

  • Mellora dos servizos básicos nas parroquias, con especial atención ao saneamento e aos viais

O presidente provincial, Luis López, destacou que o Porriño é “un dos motores económicos da provincia” e sinalou que a Deputación deixará en 2026 un investimento de 128 millóns de euros nos concellos pequenos e medianos a través dos plans +Provincia, Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e Plan Extra.

O Porriño exhibe a súa transformación urbana e acolle o encontro comarcal sobre os...
Comentarios