O Porriño converterase nun laboratorio aberto coa segunda edición de ACiENCiACERTA

ACiENCiACERTA 2025 quere achegar a ciencia á rúa, fomentar vocacións e crear espazos de encontro entre profesionais da ciencia, estudantes e veciñanza.
A Praza do Concello e as rúas céntricas acollerán do 4 ao 6 de xuño esta mostra de ciencia na rúa, que este ano medra en duración e conta coa colaboración da Universidade de Vigo.

Esta tarde presentouse oficialmente no Concello do Porriño a segunda edición de ACiENCiACERTA, a Mostra de Ciencias na Rúa que promete converter a vila nun gran espazo de divulgación científica durante tres días, do mércores 4 ao venres 6 de xuño. A praza do Concello e as rúas do centro urbano serán o escenario desta iniciativa que busca achegar a ciencia á cidadanía dun xeito participativo e ameno.

Na presentación do evento participaron o seu coordinador, Juancho Castaño; a concelleira de Educación, Carolina González; a directora de Comunicación & Global Brand en Zendal Group, Beatriz Díaz; e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, xunto con César Pérez Ares, director territorial de Educación en Pontevedra. . O rexedor local destacou o éxito da primeira edición e subliñou a aposta do Concello por consolidar ACiENCiACERTA como unha cita anual de referencia no ámbito da divulgación científica.

ACiENCiACERTA 2025 está organizada polo Concello do Porriño co patrocinio de Zendal Group e, como principal novidade, conta coa colaboración institucional da Universidade de Vigo.

O cambio climático será o tema central desta edición, impregnando tanto as conferencias programadas como a imaxe gráfica do evento. O obxectivo é promover unha reflexión colectiva sobre a ciencia e os grandes retos ambientais actuais.

A madriña de ACiENCiACERTA 2025 é a enxeñeira industrial porriñesa Katia Guimaré González, quen desenvolve a súa carreira profesional na empresa ferroviaria alemá Deutsche Bahn AG. Un referente do talento galego no exterior, Guimaré amosou o seu compromiso coa innovación e a excelencia técnica.

Katia Guimaré tamén formará parte do xurado científico que o venres 6 de xuño avaliará os proxectos presentados polos dez centros educativos do Porriño no marco do Concurso de Proxectos Científicos Escolares. O certame conta con dúas categorías (menores e maiores de 12 anos), ademais dun premio do público. Completan o xurado Silvia Diz de Almeida, investigadora en medicina molecular e doutora pola USC, e Ángel Pichel Loureiro, médico de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro e docente universitario.

Programación completa:

Mércores 4 de xuño Lugar: Botica Nova de Palacios

  • Brinde pola Ciencia con Aguas de Mondariz
  • Charlas:
    • “Natureza que protexe: o papel da vexetación no río” a cargo de Sofía Villar Rúa e Elena Seoane Martínez
    • “O cambio climático contado por un Hominino a un Neandertal” a cargo de Eduardo Méndez Quintas, Hugo Bal García e Iván Rey Rodríguez

Xoves 5 de xuño

  • Charlas e actividades:
    • “O extraordinario planeta A no que habitamos” con Martín Barreiro e Ana Mariño
    • “A ornitoloxía e o cambio climático” con María Vidal Malde
    • “Derivas”, instalación artística sostible de Julia de la Cal

Venres 6 de xuño

  • Mostra de Proxectos Científicos Escolares nas rúas do centro
  • Votación do Premio do Público
  • Charlas:
    • “O mar e o cambio climático” con Laura García Peteiro e Xulia Pisón
    • “A natureza na obra de Miguelanxo Prado”, conversa co recoñecido autor galego de cómic

ACiENCiACERTA 2025 quere achegar a ciencia á rúa, fomentar vocacións e crear espazos de encontro entre profesionais da ciencia, estudantes e veciñanza. Desde o Concello do Porriño convidan a toda a cidadanía a participar e gozar desta festa da ciencia ao aire libre.