O Porriño conmemora o 25N coa inauguración da Praza 25N e unha emotiva xornada de actos contra a violencia machista

Acto de inauguración da Praza 25N, un novo espazo dedicado á memoria das vítimas da violencia machista.
O Porriño conmemorou o 25N cunha xornada cargada de simbolismo, marcada pola inauguración da nova Praza 25N e por actos de memoria e reivindicación nos que alumnado, autoridades e veciñanza alzaron a voz contra a violencia machista.

O Porriño celebrou este 25 de novembro cunha intensa programación de actos polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, nunha xornada marcada pola inauguración oficial da nova Praza 25N, un espazo creado para honrar a memoria das vítimas e reforzar o compromiso colectivo na loita contra a violencia machista.

As actividades deron comezo onte coa colocación do lazo morado na fachada do Concello. Hoxe ao mediodía instalouse un Punto Violeta na Praza do Concello e, a continuación, tivo lugar o acto de inauguración da nova praza fronte á igrexa de Santa María do Porriño, acompañado dunha peza de violín que engadiu un ton especialmente solemne ao momento.

O alumnado do colexio Hermanos Quiroga formando un lazo humano en homenaxe ás vítimas da violencia machista.

Tras descubrir a placa, o alcalde Alejandro Lorenzo recordou que esta iniciativa fora un compromiso adquirido en pleno e que agora se fai realidade. “Esta praza, ata hoxe sen nome, pasa a chamarse oficialmente Praza 25N, en homenaxe a todas as mulleres vítimas da violencia machista”, declarou. Subliñou tamén que a loita contra a violencia de xénero “non pode limitarse a un só día, senón que é unha responsabilidade diaria e compartida”. Expresou o desexo de que este novo espazo se converta “nun lugar de reflexión, memoria e compromiso colectivo”.

Un dos momentos máis destacados da xornada foi o lazo humano formado polo alumnado de 2º e 4º da ESO do colexio Hermanos Quiroga, quen sostivo cartolinas moradas cos nomes das 39 vítimas mortais deste ano. Antes de iniciar a lectura dos nomes, a concelleira de Igualdade, Carolina González, lembrou que o 25N é “un día de recordo, reflexión e compromiso coa prevención e eliminación da violencia machista”. Reivindicou que “o respecto non é só unha palabra, senón un modo de vida” e advertiu que cada feminicidio “é unha ferida colectiva que obriga a continuar alzando a voz”. Tamén chamou a atención sobre as violencias cotiás —insultos, humillacións, silencios— e insistiu na importancia de seguir educando en valores.

A lectura das vítimas realizouse de forma individual: cada estudante achegábase ao micrófono, pronunciaba o nome asignado e depositaba unha rosa morada sobre a súa cartolina antes de regresar ao seu posto. O alcalde foi o encargado de ler o nome da vítima número 39, unha muller de 60 anos asasinada en Málaga o pasado sábado. Tras nomeala, pediu gardar un minuto de silencio e afirmou: “O Porriño érguese unido para lembrar ás mulleres asasinadas e para reafirmar que non imos tolerar nin un só paso atrás”.

A continuación, a Xuíza María Jesús Mosteiro, titular do Xulgado de Violencia sobre a Muller, leu o manifesto institucional, no que se reafirmou o compromiso na defensa dos dereitos humanos e na erradicación de todas as formas de violencia machista. A xuíza destacou “a necesidade de políticas públicas eficaces, prevención, coordinación institucional, formación de profesionais e recursos accesibles para as vítimas e os seus fillos e fillas”. Concluíu lembrando que “só co compromiso colectivo poderemos avanzar cara a unha sociedade libre de violencia machista”.

Un concerto de corda e piano da Escola Municipal de Música puxo o broche á xornada, na que O Porriño reivindicou con firmeza, unidade e sensibilidade a necesidade de construír unha vida libre de violencia para todas as mulleres.