O Porriño clausura con éxito o programa de emprego xuvenil que formou 16 mozos en construción e carpintería
O programa de emprego "O Noso Encontro co Emprego", promovido polo Concello do Porriño e cofinanciado pola Xunta de Galicia, chegou hoxe ao seu fin tras doce meses de duración, cun balance positivo de mellora da empregabilidade xuvenil e de infraestruturas municipais.
A iniciativa formou a 16 mozos e mozas menores de 30 anos, inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, nas especialidades de albanelaría de urbanización e carpintería de madeira. O investimento total ascendeu a 483.653 euros, dos cales máis do 90% foron achegados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou o "dobre impacto moi positivo" destes programas: "por unha banda, forman e capacitan aos nosos mozos e mozas para acceder ao mercado laboral con máis ferramentas, e por outra, repercuten directamente na mellora do noso concello con obras reais e útiles para toda a cidadanía”.
Entre as actuacións de interese social realizadas polo alumnado durante a súa formación práctica, destacan a renovación das beirarrúas na rúa Paralela 3 do Polígono Empresarial da Granxa e a reparación das pasarelas de madeira do paseo do río Louro.
A concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, valorou o compromiso do alumnado e expresou o desexo de que o obradoiro sexa un "punto de partida cara a unha inserción laboral estable e de calidade". De feito, algúns participantes xa están en contacto con empresas ou decidiron cursar un ciclo de Formación Profesional para convalidar os módulos xa realizados.
Ademais da formación profesional, os mozos recibiron capacitación complementaria en prevención de riscos laborais, alfabetización dixital, técnicas de busca de emprego e igualdade, obtendo diversos certificados de profesionalidade recoñecidos oficialmente.
Entrega de diplomas de Competencias Dixitais
No mesmo marco formativo, o Concello tamén celebrou a entrega de diplomas do curso de Competencias Dixitais, no que 154 persoas completaron satisfactoriamente a formación. O curso, de 30 horas, buscou mellorar a autonomía dixital da cidadanía, favorecendo a súa inserción laboral. O alumnado, maioritariamente mulleres con idades entre os 30 e os 57 anos, incluíu desempregados, traballadores en activo, opositores e mesmo xubilados.