viernes. 24.05.2024

O Porriño chega a mostra itinerante 'Pontevedra e América. Unha mirada en feminino'

'Pontevedra e América. Unha mirada en feminino', a mostra itinerante da Deputación e da Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para poñer en valor a historia de trece mulleres cuxo nexo de unión é a emigración e a relación entre Pontevedra e o outro lado do Atlántico, chega este mércores, 15 de maio, á Praza do Cristo do Porriño.
ARQUIVO.
ARQUIVO.

'Pontevedra e América. Unha mirada en feminino', a mostra itinerante da Deputación e da Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para poñer en valor a historia de trece mulleres cuxo nexo de unión é a emigración e a relación entre Pontevedra e o outro lado do Atlántico, chega este mércores, 15 de maio, á Praza do Cristo do Porriño. A exposición será inaugurada ás 19:00 horas cunha conferencia que terá lugar no Centro Cultural Municipal da vila e na que María Cadaval, directora da Cátedra Iberoamericana, Mª Xosé Rodríguez Galdo, catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC, e María Xosé Porteiro, adxunta á Valedora do Pobo, renderán homenaxe ás mulleres que forman parte da mostra.

Bernarda Pereira, Blanca Rodríguez, Margarita Bilbatúa, Sofía Novoa, Concepción Pazo, Chita Lamas, Rosina Villaverde, Antía Cal, Reyna Pastor, Concha Nogueira, Isaura Abelairas, María Xosé Porteiro e Noemí Cendón son as protagonistas da exposición. Mulleres, todas elas, para as que Pontevedra marcou unha parte importante da súa experiencia vital e, ao mesmo tempo, mantiveron vínculos e vivencias en terras americanas. O tempo transcorrido en Pontevedra e o vivido en América, se ben distintos en época, duración ou circunstancias persoais, entre outros factores é o que as une a todas. Para unhas América constitúe o seu lugar de nacemento, outras mantiveron unha intensa e prolongada vivencia naqueles países, sendo noutros casos a estadía máis curta, pero non menos intensa.

Tras pasar xa por Pontevedra, Vigo, Lalín, Cerdedo-Cotobade e chegar agora ao Porriño, onde poderá visitarse ata 15 de xuño, a mostra “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino” continuará neste 2024 o seu percorrido polos concellos da provincia.

O Porriño chega a mostra itinerante 'Pontevedra e América. Unha mirada en feminino'
Comentarios