O Porriño centra o 8M nas mulleres maiores e na loita contra as desigualdades actuais

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Igualdade, Carolina González, xunto a representantes participantes na presentación da programación municipal polo Día Internacional da Muller.
O Concello presenta unha programación que inclúe unha homenaxe ás veciñas das parroquias, xornadas sobre igualdade e a estrea do vídeo “Terra de Canteiras”, visibilizando o papel feminino en sectores masculinizados.

O Concello do Porriño deu a coñecer hoxe a programación organizada con motivo do Día Internacional da Muller, 8 de Marzo, nun acto celebrado na Sala de Comunicacións da Casa Consistorial e no que participaron o alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Igualdade, Carolina González.

A iniciativa deste ano pon o foco no recoñecemento ás mulleres maiores das parroquias, na reflexión sobre os retos actuais en materia de igualdade e na visibilización do papel feminino en ámbitos tradicionalmente masculinizados. O acto central será a homenaxe “Cando elas falan, a historia permanece”, prevista para o domingo 8 de marzo, coa que o Concello quere situar no centro ás mulleres que foron e son piares fundamentais das súas familias e comunidades.

Segundo destacou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “este 8M queremos render tributo ás nosas mulleres maiores, auténticas protagonistas da historia viva do Porriño”, ao tempo que subliñou que a igualdade debe traducirse en políticas reais e oportunidades efectivas máis alá dunha data simbólica.

A programación complétase coas xornadas “Igualdade, Muller e Dereitos: realidades e desafíos”, un espazo de reflexión e formación que abordará cuestións como a situación das mulleres maiores no rural, a violencia dixital —incluíndo fenómenos como os deepfakes— e a desigualdade laboral persistente.

No marco das actividades tamén terá lugar a estrea do vídeo “Terra de Canteiras”, que visibiliza o traballo de profesionais —na súa maioría mulleres— no sector da pedra, así como a presentación do proxecto CONSTIC, impulsado polo IES Ribeira do Louro con financiamento Next Generation EU para fomentar as competencias en construción e TIC e promover o acceso feminino a estas especialidades.

Desde o Goberno municipal reiteraron o compromiso coa igualdade efectiva e coa erradicación de todas as formas de violencia machista, reivindicando o 8M como unha xornada de memoria, recoñecemento e compromiso colectivo.