O Concello do Porriño celebrará este sábado 22 de novembro o Día da Sostibilidade cun amplo evento participativo que transformará a Praza do Concello nun espazo dedicado ao coñecemento, á educación ambiental e á convivencia cidadá. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Medio Ambiente, Antía Carrera, presentaron esta mañá unha xornada que se desenvolverá entre as 12:00 e as 19:00 horas, con actividades, xogos, demostracións e stands divulgativos centrados na correcta separación de residuos e na promoción dun estilo de vida máis responsable e respectuoso co medio ambiente.
“Este evento é unha oportunidade única para reforzar o compromiso colectivo coa sostibilidade, aprendendo de forma sinxela e atractiva como facer mellor as cousas no día a día”, explicou o alcalde. Nesta liña, o Concello anima á veciñanza a participar e desfrutar dunha xornada pensada para construír “un Porriño máis verde e máis consciente”.
Sete postos para aprender a separar os residuos de forma práctica
O evento contará con sete postos informativos, un por cada fracción do sistema municipal: orgánico, aceite doméstico usado, téxtil, envases lixeiros, papel e cartón, vidro e fracción resto. En cada un deles, as persoas asistentes poderán aprender de forma práctica onde debe depositarse cada residuo, resolver dúbidas habituais e coñecer o impacto ambiental e económico dunha correcta separación.
A maiores, instalaranse tótems informativos interactivos con contidos audiovisuais, explicacións e preguntas frecuentes, facilitando que persoas de todas as idades comprendan o funcionamento do sistema de recollida e as claves para empregalo correctamente.
Xogos, actividades familiares e agasallos sostibles
Durante toda a tarde haberá xogos e dinámicas para a cativada, retos de clasificación de residuos, explicacións guiadas e espazos divulgativos para adultos. Ademais, repartiranse agasallos sostibles, como embudes para reciclar aceite usado, bolsas elaboradas con téxtil reciclado e outros detalles que fomentan hábitos responsables.
O evento contará tamén cun posto de Cáritas, onde se porá á venda roupa de segunda man grazas á colaboración de Aroupa, promovendo a reutilización, o consumo consciente e a economía circular, ademais de visibilizar o labor social destas entidades.
A implantación do colector marrón supera as expectativas
A celebración do Día da Sostibilidade chega nun momento clave para o Porriño, coincidindo coa posta en marcha da campaña do colector marrón, que está a ter unha resposta extraordinaria. En apenas dúas semanas, superáronse os 500 fogares inscritos, e o Concello aspira a chegar aos 1.000 antes de final de mes.
Grazas a esta participación, xa se están a recoller 2.000 quilos adicionais de residuos orgánicos cada semana, o que supón un aforro estimado de 12.000 euros anuais no tratamento de residuos, ao destinar a materia orgánica a unha vía de aproveitamento máis eficiente e sostible.
Por este motivo, o Concello anima a todas as persoas que aínda non dispoñen da súa chave do colector marrón a achegarse ao evento deste sábado, onde poderán obter información, aprender o funcionamento do sistema e recoller a súa chave no momento.
Un Porriño máis sostible grazas á implicación cidadá
O Concello agradece á veciñanza a súa implicación, así como ao persoal técnico e ás entidades colaboradoras pola súa contribución a esta transformación ambiental. A participación cidadá, destacan, está a demostrar que a sostibilidade é unha responsabilidade compartida e que, coa colaboración de todos, é posible avanzar cara a un Porriño máis limpo, máis eficiente e máis comprometido co planeta.
As persoas interesadas poden consultar toda a información na web
porrino.ocaminosostible.gal, ou contactar no teléfono 647 521 464 ou no correo info@ocaminosostible.gal.
Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU.
