O Porriño activa un operativo especial ante o apagón masivo na península ibérica
O Concello do Porriño puxo en marcha un operativo especial para facer fronte ao apagamento eléctrico que afecta a toda a península ibérica desde o mediodía do luns. O alcalde, Alejandro Lorenzo, anunciou unha serie de medidas para garantir a seguridade dos veciños, a continuidade dos servizos básicos e o apoio ao tecido empresarial do municipio.
Entre as primeiras accións, instalouse un xerador de emerxencia na Casa Consistorial para asegurar o funcionamento dos servizos municipais esenciais e ofrecer un punto de recarga para aparellos sanitarios e electrónicos básicos á cidadanía. Ademais, despregouse un reforzo da Policía Local con sete patrullas e a colaboración de Protección Civil e persoal municipal para garantir a seguridade e ofrecer apoio en todo o termo municipal, regulando manualmente o tráfico ante a falta de semáforos.
En coordinación co centro de saúde local, reforzouse o apoio sanitario para atender posibles emerxencias. O Concello mantén un seguimento constante da situación e contacto cos servizos autonómicos e estatais. O alcalde apelou á responsabilidade cidadá, pedindo evitar desprazamentos innecesarios, extremar a precaución e usar o 112 só en urxencias, agradecendo a colaboración e comprensión da veciñanza. A información e novas recomendacións serán comunicadas a través dos medios oficiais.