O Porriño abre a inscrición para os desfiles de comparsas do Entroido 2026 con 29.500 euros en premios á participación

ARQUIVO.
O Concello do Porriño abre a inscrición para os desfiles de comparsas do Entroido 2026, cunha dotación máxima de 29.500 euros en premios á participación. O prazo remata o 3 de febreiro e as axudas repártense por orde de solicitude, con preferencia para grupos do municipio.

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Festas e Eventos, convocou os tradicionais desfiles de comparsas do Entroido 2026 e publicou as bases que regulan a concesión de premios á participación, cunha dotación máxima de 29.500 euros con cargo ao orzamento municipal.

A convocatoria está dirixida a comparsas constituídas legalmente como asociacións, ANPA ou clubs sen ánimo de lucro, que conten cun mínimo de 20 compoñentes. As inscricións poden realizarse en dúas modalidades: infantil (ata 12 anos) e adultos/as (de 13 anos en diante), sendo o maior número de integrantes por franxa de idade o que determinará a categoría.

Prazo e documentación

O prazo de inscrición abrirase dende o día seguinte á publicación das bases no taboleiro municipal ata o 3 de febreiro de 2026, ambos incluídos. As solicitudes deberán presentarse de xeito telemático na sede electrónica do Concello mediante o impreso normalizado (Anexo I), achegando documentación obrigatoria como o CIF, unha declaración responsable de estar ao corrente coas obrigas tributarias e coa Seguridade Social (Anexo II), certificados de ATRIGA, acreditación bancaria e, no caso de vehículos participantes, a documentación correspondente (permiso de condución e circulación, ITV e seguro vixentes).

As bases recollen que as comparsas autorizan ao Concello a realizar comprobacións nas bases de datos tributarias e da Seguridade Social e tamén a fotografar ou gravar as formacións con fins promocionais e documentais do evento.

Premios segundo o número de compoñentes

Os importes dos premios establécense en función do número de participantes, tanto para comparsas infantís como de adultos/as:

  • De 20 a 39 compoñentes: 605 €

  • De 40 a 55 compoñentes: 970 €

  • De 56 a 85 compoñentes: 1.210 €

  • De 85 a 109 compoñentes: 1.450 €

  • De 110 en diante: 1.600 €

O reparto do orzamento realizarase por orde rigorosa de inscrición ata acadar o máximo previsto, con preferencia para comparsas do Concello do Porriño. As agrupacións que desexen participar fóra deste orzamento poderán inscribirse, pero sen dereito ao premio de participación.

Obrigas e normas de seguridade

Para optar ao premio, as comparsas deberán estar inscritas e participar obrigatoriamente nos desfiles do sábado e do martes de Entroido, así como no Enterro da Sardiña do mércores de cinza. Ademais, cada comparsa deberá levar un cartel visible co nome e o número de compoñentes.

As bases lembran que é obrigatorio cumprir as medidas de seguridade e que queda prohibido o uso de animais, sprays ou petardos.

Datas e percorridos

Os desfiles celebraranse nas seguintes datas e itinerarios:

  • Sábado, 14 de febreiro: saída da rúa Antonio Palacios (Instituto Pino Manso), percorrido por Domingo Bueno, praza de San Sebastián, rúas peonís, praza Antonio Palacios e final na rotonda do Central.

  • Martes, 17 de febreiro: saída da praza de San Sebastián, rúas peonís, praza Antonio Palacios e final na rotonda do Central.

  • Enterro da Sardiña, mércores 18 de febreiro: acompañamento da sardiña dende o Círculo Recreativo Cultural por Domingo Bueno, fonte de San Sebastián, Manuel Rodríguez ata a praza Antonio Palacios (lectura do testamento), continuando pola rúa Peña e rematando preto do albergue de peregrinos (Paseo do Louro).

Para o Enterro da Sardiña deberá acudir polo menos un 20% dos participantes de cada comparsa, nunca menos de 10 persoas. As comparsas tamén colaborarán na elaboración do testamento da sardiña, achegando entre 10 e 15 liñas, cun prazo de entrega ata o 6 de febreiro no Centro Cultural Municipal (1º andar), en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Comité de observación

A asignación dos premios corresponderá a un comité de observación, nomeado por resolución de Alcaldía, encargado de revisar inscricións e documentación, velar polo desenvolvemento dos desfiles e propoñer a concesión segundo o número de compoñentes.

As bases serán difundidas no taboleiro municipal, na web ecultura.net e noutros medios que dispoña a Concellería de Festas. A participación implica a aceptación íntegra das normas establecidas.