Ponteareas suma dous novos negocios e reforza o apoio ao emprendemento e á rehabilitación urbana
O Concello de Ponteareas asistiu este último mes á apertura de dous novos negocios locais no municipio: a Libraría Sherwood, situada na rúa Ciclista Emilio Rodríguez, e a inmobiliaria Rodespi, na rúa Amado Garra. Trátase de iniciativas emprendedoras que contribúen a dinamizar a economía e a vida social da vila e que se suman a outras recentes incorporacións ao tecido comercial, como Trofeos3D na rúa Daniel Ojea, La Suerte de Rosalía na rúa Rosalía de Castro, A Tenda de Cómics xunto ao conservatorio, a clínica dental Dental Company ou o negocio de hostalaría Kebiroll, entre outros.
No acto de apertura estivo presente a alcaldesa, Nava Castro, quen quixo trasladar persoalmente o apoio do goberno local ás persoas emprendedoras.
“Cada novo negocio é unha mostra de confianza no noso concello”
A rexedora salientou a importancia de apostar polo comercio local como motor de desenvolvemento económico e social. “Cada novo negocio que abre en Ponteareas é unha mostra de confianza no noso concello e no seu potencial. O comercio de proximidade crea emprego, xera riqueza e fai vila”, destacou Nava Castro, quen desexou sorte ás persoas emprendedoras nesta nova etapa e animou a outros proxectos a apostar por Ponteareas como lugar para investir e medrar.
Recursos municipais para emprender: coworking, formación e asesoramento
A alcaldesa lembrou que Ponteareas conta con recursos municipais específicos para apoiar ás persoas emprendedoras, como o Centro de Emprendemento Local (CEDEP), situado na Praza Maior. Este espazo acolle o primeiro coworking do Concello, un centro de dixitalización no que se imparte formación para mellorar a competitividade dos negocios e tamén a oficina SmartPeme. Ademais, no CEDEP ofrécese asesoramento para emprender a través da oficina da orientadora laboral.
Campañas para dinamizar o consumo e recuperar a vida nos barrios
O Concello de Ponteareas desenvolve ao longo do ano diferentes campañas e iniciativas para impulsar a economía local, apoiar o comercio e fomentar o consumo no comercio de proximidade. Paralelamente, no ámbito da recuperación urbana e da vivenda, Ponteareas foi un dos municipios beneficiados polas axudas a nivel barrios xestionadas pola Xunta de Galicia, cun investimento de 400.000 euros destinado a promover a rehabilitación e a recuperación da vida nos barrios históricos.
Grazas a estes fondos xa se contribuíu á rehabilitación de 16 propiedades, con actuacións orientadas á mellora da eficiencia enerxética dos edificios e outras intervencións como instalación de ascensores, labores de conservación e renovación das edificacións.
Máis vivenda e aproveitamento do patrimonio existente
Nava Castro destacou a relevancia destas intervencións no marco da posta en valor do centro histórico e subliñou a colaboración do Concello en materia de vivenda. “É fundamental, e máis no momento no que vivimos, que as administracións poñan todo da súa parte para acadar máis vivenda e sacar o maior partido ao patrimonio xa construído”, sinalou.
Como exemplo desta colaboración, figuran os 207.632,54 euros outorgados a 16 propiedades na Área de Rehabilitación Integral (ARI) urbana da Zona vella, cunha superficie de 9,28 hectáreas. Esta delimitación conta con 518 vivendas, agrupadas en 74 edificios residenciais colectivos e 133 vivendas unifamiliares, ademais de cinco edificios de equipamentos, e inclúe inmobles recollidos no Catálogo de Bens do Patrimonio Cultural do Medio Rural e Urbano de Ponteareas.
No último ano, o Concello tamén puxo en marcha as primeiras axudas para a reconversión de baixos comerciais en vivenda de alugueiro no centro urbano, así como medidas para activar vivendas baleiras no rural destinadas ao alugueiro social.
Compromiso co desenvolvemento económico e a calidade de vida
Con este conxunto de accións, o Concello de Ponteareas reafirma o seu compromiso co desenvolvemento económico, o apoio ao emprendemento, a rehabilitación urbana e a mellora da calidade de vida da veciñanza, apostando por unha vila máis activa, dinámica e con máis oportunidades.