Ponteareas abre a programación do 8M con Mabel Lozano e reforza o seu compromiso contra a violencia machista
O Concello de Ponteareas deu comezo á programación conmemorativa do Día Internacional da Muller cunha xornada protagonizada pola cineasta e xornalista Mabel Lozano, recoñecida polo seu traballo de denuncia da explotación sexual e da trata de mulleres. A actividade incluíu un taller dirixido ao alumnado dos centros educativos do municipio e a proxección de dous dos seus documentais no auditorio municipal.
Durante o encontro proxectáronse os traballos audiovisuais “Ava”, galardoado co Premio Goya 2024, e “Abril, hoy no es invierno”, tras os cales se celebrou un coloquio aberto ao público que serviu para xerar un espazo de reflexión e diálogo arredor da violencia de xénero e da desigualdade.
Ao longo da xornada abordáronse cuestións como os coidados, a parálise cerebral, a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual, a prostitución ou a desigualdade estrutural. Tamén se analizou o impacto do consumo de pornografía na adolescencia, os mecanismos de captación a través das redes sociais e a responsabilidade individual e colectiva fronte á violencia sexual.
Con esta actividade, o Concello presentou a programación deseñada arredor do 8M, un conxunto de accións transversais que, segundo destacou o goberno local, van máis aló do acto institucional previsto para o propio 8 de marzo co obxectivo de reforzar a sensibilización, a prevención e a implicación social ao longo de todo o ano.
Neste marco, o Concello ampliará a campaña “Detecta e Actúa” ao sector da hostalaría, difundindo nas pantallas dos establecementos o vídeo da iniciativa para fomentar a implicación activa da cidadanía na detección e prevención da violencia machista.
Ademais, na xornada tamén se celebrou a mesa VIOGEN do Concello de Ponteareas coa participación da Garda Civil, a Subdelegación do Goberno, a Policía Local, a concelleira de Igualdade, Raquel Plana, e a alcaldesa, Nava Castro. Tras a reunión ofreceuse unha rolda de prensa para informar da situación actual no municipio.
Na actualidade rexístranse 92 casos activos no sistema de violencia de xénero en Ponteareas, dos cales 65 están catalogados como de risco baixo e 2 como de risco alto. Ademais, 68 casos contan con orde de protección en vigor. No conxunto da provincia contabilízanse 1.935 casos activos.
Desde o Concello salientan a importancia de impulsar accións coordinadas e sostidas no tempo que reforcen a prevención, a protección das vítimas e a concienciación social máis alá das datas sinaladas, consolidando un compromiso firme coa igualdade e coa erradicación da violencia de xénero.