O Polo de Emprendemento do Porriño, motor de oportunidades laborais e igualdade

Lorenzo realizou estas declaracións durante a visita institucional ás instalacións do centro por parte do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, nun acto enmarcado na Semana da Administración Aberta 2025.
O alcalde do Porriño destaca o papel do Polo de Emprendemento como motor de emprego e dinamización económica nunha visita do conselleiro de Emprego. O centro leva asesorados máis de 700 proxectos, con forte presenza feminina.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou hoxe o papel estratéxico do Polo de emprendemento e apoio ao emprego da vila como un elemento clave para xerar oportunidades laborais e dinamizar a economía do municipio. "O Polo é xa unha referencia para a xente nova e non tan nova que quere emprender no noso concello; estamos a ver como ideas locais se transforman en proxectos sólidos con futuro", afirmou o rexedor.

Lorenzo realizou estas declaracións durante a visita institucional ás instalacións do centro por parte do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, nun acto enmarcado na Semana da Administración Aberta 2025. Tamén participaron a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño; e, por parte do Concello, a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas.

O alcalde subliñou o compromiso do goberno local co impulso do emprendemento, indicando que "cada nova iniciativa representa non só unha oportunidade laboral, senón tamén un reforzo para o tecido económico e social do Porriño". Ademais, resaltou un dato significativo: "arredor do 60 % dos proxectos asesorados están liderados por mulleres, un dato que nos enche de orgullo e que evidencia que o emprendemento tamén é un motor de igualdade".

Pola súa banda, o conselleiro José González valorou o traballo desenvolvido no Porriño, afirmando que "iniciativas coma esta representan á perfección o espírito da Semana da Administración Aberta: unha administración próxima, útil e comprometida co territorio". Engadiu que "os principios de transparencia, participación e colaboración se materializan en proxectos reais, liderados por persoas emprendedoras comprometidas co seu territorio".

Tamén participaron a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño; e, por parte do Concello, a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas.

Desde a súa posta en funcionamento, o Polo do Porriño acompañou máis de 700 proxectos empresariais, contribuíndo á creación de preto de 50 novas iniciativas con impacto local. O centro centra as súas accións principalmente nos sectores do comercio, a hostalaría e os servizos, e xa realizou máis de 1.300 sesións de orientación profesional.

González tamén anunciou a apertura, a partir de mañá e ata o 30 de xuño, do prazo para solicitar as novas achegas da Xunta para persoas emprendedoras. Estas axudas contan cun orzamento de 6,7 millóns de euros e poden acadar os 35.000 euros por proxecto, con incentivos adicionais para casos de remuda xeracional.

A xornada concluíu cun percorrido polas instalacións do Polo e un encontro entre os responsables institucionais e as persoas usuarias do centro, que compartiron os seus proxectos, retos e perspectivas de futuro.