martes. 28.05.2024

Angoares quere render homenaxe a un dos seu veciños ilustres, veciño do Cabalón e encargado de levar o nome da parroquia polo mundo no seu cantar, o poeta Alfonso Pexegueiro González. A Asociación de Veciños e Veciñas de Angoares, en colaboración co Concello de Ponteareas, organiza este sábado 30 de abril ás 19.00 horas un acto na Casa Veciñal no que o autor e a súa obra serán os grandes protagonistas.

Nado na parroquia ponteareá en 1948, o escritor e poeta comezou a súa andaina literaria en 1975 coa creación do grupo de comunicación poética ‘Rompente’, participou na ruptura poética dos anos 70 e, en 1980, fundou xunto con outros autores e autoras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Como secretario da AELG coordinou a revista Escrita e impulsou o I Congreso de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como o Galeusca, encontros de autoras e autores vascos, cataláns e galegos.

Da súa obra poética cómpre salientar ‘Seraogna’, un libro anovador publicado en 1976 e considerado pola crítica como precursor dos novos rumbos que seguiría a creación poética galega, e ‘Mar e naufraxio’, co que obtería o Premio da Crítica Galicia en 1978. No campo da narrativa publica ‘Relatos para salferir’ (1981 e ‘Destinos dun maldito’ (1991), continuando o seu labor poético na derradeira década do século XX con ‘Serán os cisnes que volven?’ e ‘Hipatia’.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza da parroquia e da vila a participar nesta merecida homenaxe a un dos escritores insignes de Ponteareas, “capaz de unir dun xeito único nos seus versos e na súa prosa o compromiso ético coa harmonía estética”.

O poeta ponteareán Alfonso Pexegueiro homenaxeado en Ponteareas