Os Parques da Auga de Mos abren as súas portas para un verán de diversión gratuíta en plena natureza

Un dos parque de auga mosenses.
Mos abre os seus Parques da Auga para un verán de lecer familiar e gratuíto.

Os Parques da Auga de Mos, situados en Sanguiñeda e A Pesqueira, inauguraron hoxe a tempada estival, ofrecendo ás familias do municipio e arredores espazos de lecer ao aire libre, gratuítos e accesibles. A alcaldesa Nidia Arévalo e a concelleira Laura Méndez supervisaron onte a posta a punto do parque da Pesqueira para garantir que todo estivera listo para recibir aos visitantes que desexen gozar dun día en contacto coa natureza.

Os parques acuáticos estarán abertos todos os días desde hoxe ata setembro, en horario de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00, proporcionando unha alternativa de ocio para todas as familias do concello. Ambos parques gozan dunha localización estratéxica: o da Pesqueira xunto ao río Louro e o de Sanguiñeda nunha zona residencial, facilitando o acceso a zonas verdes e fomentando a educación ambiental e o xogo inclusivo. O parque de Sanguiñeda destaca por funcionar como unha "escola da auga", onde os nenos aprenden sobre o ciclo da auga a través de xogos interactivos.

Tanto Sanguiñeda como A Pesqueira reciben diariamente centos de escolares de diversos centros educativos do municipio e da área metropolitana. Para este ano 2025, o Concello de Mos xa conta con numerosas solicitudes de visitas para gozar dunha xornada lúdica e educativa.

Ante a alta demanda, o Concello de Mos aprobou a ampliación do Parque da Auga da Pesqueira. A superficie actual de 3.710 metros cadrados aumentarase en 4.767 metros cadrados adicionais, alcanzando un total de 8.477. Esta expansión mellorará as catro zonas existentes (auga, infantil, biosaudable e esparcemento) con novos elementos de xogo e mobiliario urbano, incluíndo unha zona de skate e rocódromo.

Este proxecto conta cun orzamento de 507.575,75 euros, para o que se están tramitando subvencións ao Plan Máis Provincia 2025 e á Xunta de Galicia, co obxectivo de iniciar as obras o antes posible.

Con estas iniciativas, Mos reafirma o seu compromiso co benestar comunitario e a sostibilidade, ofrecendo espazos que promoven a convivencia, a aprendizaxe e o aproveitamento do entorno natural.