sábado. 20.04.2024

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, achegouse este mércores ata Baiona con motivo da chegada da xira de barcos históricos do proxecto europeo Exploraterra, que permanecerán na vila ata o vindeiro 6 de marzo. Trátase dunha iniciativa liderada pola Fundación Nao Victoria, financiada con Fondos Feder a través do programa Interreg V, que conta coa participación da Xunta de Galicia entre outras institucións, co obxectivo de por en valor e promover o coñecemento do patrimonio cultural e histórico asociado ás viaxes de descubrimento.

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia destacou a importancia de preservar, valorizar e promover o patrimonio cultural vencellado á era das grandes expedicións marítimas nas que Galicia ten un “importante protagonismo histórico”. E neste contexto, avogou por impulsar a súa divulgación como atractivo cultural e turístico. Turismo de Galicia participa nesta iniciativa cultural destinada a promover diferentes accións entre as que se inclúe a rehabilitación integral da carabela A Pinta, un novo espazo dixital con ferramentas TIC na Casa da Navegación e a elaboración dunha exposición itinerante e un documental baseado na temática do proxecto.

VISITAS DE BALDE

A xira Exploraterra 2022 estará en Baiona representada polas réplicas da Nao Santa María e a carabela portuguesa Veracruz, que permanecerán atracadas no porto deportivo do 2 ao 6 de marzo. O público terá así a oportunidade de visitar de balde ambos os dous navíos, coincidindo coa celebración da Festa da Arribada.
“A presenza estes días destas históricas embarcacións súmase ao atractivo da celebración da Festa da Arribada, facendo de Baiona un punto de encontro imprescindible durante estes días”, explicou Nava Castro, quen destacou a contribución deste proxecto ao impulso turístico da vila.

“Exploraterra inclúe un ambicioso programa cultural” que, dixo, “permítenos afondar nas grandes exploracións marítimas que cambiaron o curso da historia, e compartir unha herdanza común con algunhas das nosas rexións irmáns”. Fixo así un chamamento a aproveitar esta identidade conxunta desde o punto de vista histórico, cultural, xeográfico e etnográfico que hoxe representa este proxecto Exploraterra, convertido nun” atractivo excepcional polo seu gran potencial de aproveitamento cultural e turístico”, concluíu.

Os barcos históricos do 'Exploraterra' chegan a Baiona