Oportunidades na feira ponteareana

Case unha vintena de negocios ocuparán as rúas de Ponteareas esta fin de semana para mostrar os seus mellores produtos na IX edición da Feira de Oportunidades do municipio. A Asociación de Comerciantes Tea e o Concello unen forzas para por en marcha un evento que o ano pasado non se realizou por mor da pandemia, e que nace coa intención de “promover e por en valor o comercio local”.

A feira arrancará o sábado, coincidindo co Festival Internacional de Teatro de Rúa, e estará distribuída pola Praza Maior, a rúa Oriente, e a rúa Esperanza. Todas as persoas que fagan algunha compra poderán ter acceso a un premio inmediato. Recibirán un ticket cun número que, se coincide co número asignado con algún dos agasallos, poderán trocar no momento.

O domingo as rúas de Ponteareas tamén recibirán unha concentración de coches clásicos organizada pola Asociación de Comerciantes Tea de Ponteareas. Ademais, durante todo o evento, os máis pequenos e pequenas tamén poderán desfrutar dunha serie de atraccións para facer máis levadeira a xornada de compras.

Para a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, esta Feira é unha gran oportunidade para visibilizar o “gran traballo” dos comercios de Ponteareas durante todo o ano, e a “importante labor” da Asociación de Comerciantes Tea para por en marcha un evento “moi positivo” para a economía do municipio.