viernes. 29.03.2024

A Concellería de Cultura e Festas ven de anunciar o programa das Festas de San Bieito que este ano terán un formato máis reducido e axeitado aos protocolos sanitarios obrigados polo "Covid-19", no que atinxe ao tipo de espectáculos que se poden ofrecer e ao aforo restrinxido.

O programa festivo recolle sete eventos. Comezará o sábado 11 coa actuación da arpista Marta Quintana, prevista ás 21 horas na praza de San Bieito. Ese mesmo día, de noite, haberá sesión de cinema na rúa, coa proxección da película galega "O que arde", dirixida por Óliver Laxe e que valeulle a unha das protagonistas, Benedicta Sánchez, para gañar o premio "Goya" á mellor actriz revelación. O pase da película realizarase o sábado 11 na praza de San Sebastián, a partir das 23 horas.

San Benito.

O domingo 12 está programada a actuación do grupo vigués "Xardín desordeado" que musicaliza poesía en galego con diferentes ritmos, dende o bolero, pasando polo "swing" e ata o "blues". Terá lugar ás 21 horas na praza de San Bieito.

A concelleira responsable da organización, Cami Moreira subliña que a maior novidade que se contempla no programa deste ano é a visita guiada ao cultivo de vimbieiras de Julia De La Cal que terá lugar o luns 13, festivo local no Porriño. A comitiva sairá dende a praza de San Bieito, a partir das seis da tarde.

Julia e Marcelo de Faia Educación Ambiental serán os encargados de realizar esta visita coas explicacións pertinentes respecto desta materia. Require de inscrición previa a través do correo electrónico [email protected] (hai que descargar o documento de inscrición ). Os menores de idade deberán ir acompañados dun adulto responsable dos mesmos. A inscrición levarase a cabo por orden de remisión dos correos electrónicos, ata un máximo de 30 participantes. Para participar nesta actividade é obrigatorio o uso de máscara. É recomendable levar gorro e auga.

O mesmo luns, polo serán, a partir das 21 horas, Julia de la Cal manterá unha conversa para achegar á cestería ao público que acuda á Praza de San Sebastián onde se celebrará.

O luns, ás 20 horas haberá tamén un concerto musical a cargo do dúo "Lagoa Folk", na praza de San Bieito. E o remate da programación será unha tirada de fogos artificiais, a partir das 23 horas. Tratarase dun espectáculo pirotécnico sen ruído conforme o criterio xa coñecido da Concellería de Cultura e Festas e do goberno municipal.

O Porriño celebra a san Bieito