sábado. 27.04.2024

A Xunta de Galicia estudará colaborar co Concello de Ponteareas para impulsar unha nova senda no río Tea. Así o acordaron a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, Nava Castro, durante unha reunión que mantiveron recentemente para avaliar diversas cuestións de interese municipal.

Cómpre lembrar que o proxecto para executar unha senda fluvial ao carón do Tea está recollido no Plan de sostibilidade turística do concello e permitiría ofrecer unha solución efectiva e alternativa ao trazado actual, que se ve interrompido no tramo en que a Nacional 120 cruza o río.

Ao respecto, Ángeles Vázquez sinalou a importancia que ten apostar por actuacións deste tipo xa que as sendas fluviais poden actuar na práctica a modo de infraestruturas verdes, conformando unha rede interconectada de espazos e elementos naturais e urbanos na busca dun equilibrio ecolóxico.

Así mesmo, a vicepresidenta segunda e a rexedora tamén analizaron as posibilidades de ampliar o parque público residencial do Concello de Ponteareas pola vía da rehabilitación de edificios xa construídos.

Neste sentido, afondaron nas diferentes liñas de axuda e de financiamento que xestiona o Instituto Galego da Vivenda e Solo desde hai anos e que pon á disposición das entidades locais co fin de apoialas nas súas políticas en materia residencial. 

Nova senda fluvial ao carón do Tea
Comentarios