“Non quería que rematase”: Nigrán arroupa ao mestre Antonio González Roade nunha homenaxe inesquecible
Nigrán celebrou hoxe unha sentida homenaxe ao mestre Antonio González Roade, unha figura moi lembrada na memoria colectiva do municipio e clave na educación de xeracións enteiras nun tempo marcado pola escaseza e as dificultades. Quen o coñeceu nas antigas escolas coinciden en que foi moito máis ca un profesor: un formador de persoas, de carácter firme e vocación fonda, que ensinou valores como o esforzo, a dignidade e o respecto. Antes exhibiuse un vídeo do ano 2023 no que se reuniu cos seus alumnos nun pazo que era o lugar da súa escola.
Os asistentes evocaron a súa maneira de impartir clase: disciplina sen dureza, esixencia sen humillación e unha idea clara de xustiza. Nunha escola humilde, González Roade soubo transmitir os coñecementos básicos, pero tamén auténticas leccións de vida que, segundo destacaron varios antigos alumnos, permaneceron con eles co paso dos anos.
O acto reuniu veciñanza, familiares, antigos alumnos e representantes institucionais, que quixeron recoñecer publicamente a súa traxectoria e a pegada deixada no ámbito educativo e cultural de Nigrán. A sala presentaba un ambiente especialmente concorrido, atestada de público, con persoas incluso de pé ante a grande asistencia.
As intervencións foron un fío de lembranzas e agradecementos, nun ambiente de respecto e admiración compartida. A emotividade estivo presente, pero tamén o bo humor: o público, maioritariamente formado por antigos alumnos, riu en numerosas ocasións coas anécdotas que se foron contando.
Entre eles estaba Alberto Rocha, que asegurou gardar un recordo “moi bo” do mestre e que se desprazou desde Vigo para non perder a homenaxe. “Non quería faltar”, comentou, nunha xornada que serviu para recuperar historias, reencontros e o legado dun mestre que marcou unha época.
O propio González Roade tomou a palabra para agradecer o recoñecemento e deixou unha mensaxe especialmente emotiva: asegurou que aínda hoxe se sente orgulloso dos seus alumnos, aos que chegou a cualificar de “heroes” polo esforzo e pola capacidade de saír adiante nas circunstancias daqueles anos. O mestre tamén puxo en valor o feito de que a escola estivese instalada nun antigo pazo, unha singularidade que recordou con especial agarimo, e rememorou a etapa escolar citando e nomeando algúns dos rapaces e rapazas que pasaron polas súas aulas, nun xesto que provocou sorrisos, aplausos e novos momentos de emoción compartida.
Na súa intervención, González Roade tamén fixo referencia ao orgullo persoal e familiar de ter un fillo que chegou a ser alcalde da vila, unha circunstancia que mencionou con emoción e agradecemento, destacando o vencello profundo da súa familia con Nigrán e coa súa vida pública e comunitaria.
Ademais, confesou que, cando lle propuxeron ser protagonista do acto, “non lle fixo moita graza”, pero que, unha vez alí e vendo a resposta da xente, estaba gozando do momento ata o punto de asegurar que non quería que rematase. Unha frase que resumiu o espírito da tarde: un reencontro colectivo coa memoria dun mestre que deixou pegada e ao que Nigrán devolveu, entre emoción e risas, parte do cariño recibido.