Nigrán reta a flotar como se poida no Río Miñor
O Concello de Nigrán pecha este venres, 31 de xullo, ás 12.00 horas, o prazo de inscrición para participar na xa tradicional concentración de artefactos flotantes “Flota Como Poidas”, unha das propostas máis divertidas e participativas do verán no municipio.
A cita celebrarase o domingo 2 de agosto, ás 18.00 horas, no río Miñor. As persoas interesadas en participar deberán anotarse previamente a través do formulario dispoñible na web municipal, www.nigran.es.
Nesta edición, a saída do evento trasládase de ubicación e terá lugar na rampa da Foz, na rúa Foz número 12, ao carón do escenario ao aire libre. A recollida de dorsais realizarase no mesmo punto de saída o día da proba, entre as 16:30 e as 17:30 horas.
O Concello lembra que será obrigatorio o uso de chaleco salvavidas, que correrá a cargo de cada participante, co obxectivo de garantir a seguridade durante o desenvolvemento da actividade.
Como vén sendo habitual, o “Flota Como Poidas” premiará o enxeño, o humor e a capacidade de improvisación das tripulacións. Haberá galardóns para o artefacto flotante máis “currado” e para o máis cutre, así como para a tripulación máis simpática, a familia máis intrépida e participativa, o tripulante máis vello e o máis novo.
Tampouco faltará o clásico premio “Titanic”, destinado ao primeiro artefacto que afunda, un dos momentos máis agardados polo público e polos propios participantes.
Entre todas as persoas participantes sortearase un kayak, mentres que os premiados recibirán cadansúa cesta de froitas, diploma e un agasallo sorpresa.
A xornada rematará co concerto de Stoned at Pompeii, previsto para as 19:30 horas no escenario ao aire libre da Foz. Finalmente, non se celebrará o mercado de oportunidades Portobelo, organizado por Ovalmi.