Nigrán aproba un orzamento récord de 18,4 millóns para 2026 con forte peso do gasto social
O pleno ordinario do Concello de Nigrán aprobou esta mañá, co voto en contra da oposición, un orzamento récord de 18.410.951 euros para 2026, o que supón un incremento de algo máis dun millón de euros respecto ao exercicio anterior (5,98%). O capítulo social, cunha dotación de 2 millóns de euros, volve ser o máis elevado das contas municipais.
O alcalde, Juan González, definiu o documento como “continuísta” e centrado no benestar da veciñanza. “Son unhas contas que, coma sempre, sitúan o benestar das persoas por riba de todo”, sinalou, ao tempo que lamentou o voto contrario da oposición a “unhas contas de marcado carácter social”.
O rexedor destacou que Nigrán presenta unha situación económica “inmellorable”, con débeda cero e sen créditos pendentes, o que permite incrementar a capacidade de investimento en políticas sociais. Neste ámbito, mantéñense e amplíanse subvencións nominativas, incorporando por vez primeira á asociación Galiclown, e aumentando as achegas ao proxecto ‘Acompaña’ de Avelaíña —que pasa de 10.000 a 15.000 euros— e ao programa de ocio inclusivo de La Esperanza del Valle Miñor (CEE Juan María), que se incrementa ata os 15.000 euros.
Ademais das partidas propias, o Concello prevé incorporar ao longo do ano 9,2 millóns de euros procedentes da Deputación e de fondos europeos para proxectos como o espazo deportivo de Porto do Molle, a remodelación de varias rúas, a rehabilitación de sete lavadoiros ou melloras na eficiencia enerxética. Xa figura con fondos propios a obra de saneamento e abastecemento no Camiño da Pousa (Parada), cun investimento de 240.960 euros.
No mesmo pleno aprobouse tamén a continuidade da liña interparroquial Nigranbus como Servizo de Interese Municipal, cun custe de 86.457 euros entre abril e decembro de 2026, así como a adhesión á Rede Española de Cidades Saudables, que permitirá optar a novas axudas para programas de promoción da saúde.
Finalmente, a Corporación ratificou os Premios Nigrán na súa décimo terceira edición, que recoñecerán a AGAELA no ámbito social, ao Colexio Ángel de la Guarda no educativo, ao restaurante e hotel Queimada no empresarial, aos artistas Iván e Amaro Ferreiro no cultural e á árbitra Cristina Fernández no deportivo.