O Museo da Ciencia do Viño do Condado do Tea en Salvaterra de Miño, que tamén alberga o Punto de Información Turística Rías Baixas, experimentou un notable incremento no número de visitantes. Entre os meses de abril e xullo de 2025, o museo acolleu a 965 persoas, superando en máis dun 60% as 591 rexistradas no mesmo período do ano anterior.
O desglose mensual reflicte este crecemento:
-
Abril: 94 visitantes.
-
Maio: 376 visitantes.
-
Xuño: 187 visitantes.
-
Xullo: 308 visitantes.
Diversidade de procedencia
Un dos aspectos máis salientables é a ampla variedade xeográfica das visitas. O museo recibiu tanto visitantes individuais como grupos organizados procedentes de diferentes puntos de España, especialmente de Galicia, con orixes en localidades como Vigo, Ponteareas, A Coruña ou Santiago, ademais de comunidades como Madrid, Cataluña, Canarias e Valencia.
A nivel internacional, a afluencia tamén foi significativa, con visitantes de Portugal, Francia, Suíza, Inglaterra, Irlanda, México, Brasil, Arxentina e Estados Unidos.
A maiores, o museo foi escollido como parada por grupos institucionais organizados pola Deputación de Pontevedra, entidades de desenvolvemento rural e axencias de viaxes, o que reforza a súa relevancia como punto de divulgación cultural e enoturística.
Con estes resultados, Salvaterra de Miño afiánzase como un destino de referencia no corazón do Condado do Tea. O Museo da Ciencia do Viño continúa aberto durante o mes de agosto de xoves a domingo, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas.
