Mos xa ten Valedores para a súa Festa da Rosa 2025

Valedores da festa da Rosa 25.
O Concello de Mos anunciou no pleno desta mañá os nomeamentos dos Valedores da Festa da Rosa 2025, que na súa 52ª edición recoñecerá a diversas personalidades e entidades polo seu vínculo e apoio ao municipio.

Na tradicional cerimonia do 13 de xuño, a Asociación Galega de Residentes de Mos en Bos Aires, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González, o expresidente do Real Club Celta Manuel Carlos Mouriño Atanes, a exministra Ana María Pastor, o director de La Vuelta a España, Javier Guillén, e o cineasta Daniel Sánchez Arévalo recibirán a insignia da Rosa de Mos, asinarán o Libro de Honra e xurarán fidelidade á festa, asumindo os dez compromisos do Decálogo da Valeduría.

Ademais, este ano créase a figura da Valedora da Rosiña de Mos, distinción que recae na deportista Martina Sande Martíns.

A alcaldesa Nidia Arévalo destacou que "todas estas persoas son merecedoras da Valeduría da Rosa de Mos", engadindo que o obxectivo é "enxalzar o máis posible a Festa da Rosa". A rexedora anticipou un mes de xuño "especial" para o municipio, con "máis sorpresas, máis atractivos, máis xente ilusionada e máis xente participando".

Entre os nomeados destaca a Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires, considerada a "undécima parroquia mosense" pola súa centenaria labor de preservación da cultura de Mos e Galicia. Tamén se recoñece o apoio constante de Román Rodríguez á cultura do municipio e a defensa dos intereses dos escolares mosenses.

Manuel Carlos Mouriño Atanes é recoñecido polo seu impulso á construción da cidade deportiva Afouteza en Mos, un proxecto con gran impacto social e económico. Ana María Pastor recibe a valeduría polo seu apoio aos proxectos estratéxicos do Concello desde o Goberno central.

Javier Guillén é nomeado Valedor pola aposta de La Vuelta por Mos, que acollerá a chegada da etapa 16 da edición deste ano, consolidando o municipio como referente no ciclismo. Finalmente, o cineasta Daniel Sánchez Arévalo é recoñecido polo seu vínculo con Mos a través da rodaxe da súa película "Rondallas" no Pazo de Mos.

A primeira Valedora da Rosiña, Martina Sande Martíns, é unha destacada deportista do Club Tenis de Mesa Mos, sendo a muller máis nova en competir a nivel nacional en cadeira de rodas e a primeira campioa estatal na súa categoría en 2024.