A maxia, a auga e as festas de Santo Paio protagonizan a fin de semana no Porriño
O Concello do Porriño continúa coa súa intensa actividade cultural e de ocio este mes de agosto, con unha axenda chea de propostas para todos os públicos. A programación desta fin de semana combina espectáculo, diversión acuática e as tradicionais festas patronais.
Mañá, sábado ás 22:00 horas, a Praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá a actuación do Mago Rafa e o seu espectáculo “Experiencias en familia”, unha proposta interactiva chea de humor e sorpresas. O alcalde Alejandro Lorenzo subliña que o obxectivo é "que o Porriño sexa un lugar onde as familias poidan desfrutar xuntas do verán, da cultura e do lecer".
Tobogán xigante e balonmán de balde
O domingo, de 17:30 a 20:00 horas, a diversión estará garantida cun tobogán xigante de 15 metros e inchables de auga, que culminarán cunha festa da espuma. Ademais, os amantes do deporte poderán gozar de balde do II Memorial Julio Gilsanz de balonmán no pavillón municipal. Tras os encontros de hoxe, o sábado disputaranse o terceiro e cuarto posto (18:00 horas) e a gran final (20:00 horas).
Pontellas celebra as festas de Santo Paio
Na parroquia de Pontellas celebran esta fin de semana as súas festas na honra a Santo Paio. O sábado ás 21:30 horas, haberá unha gran sardiñada e degustación de porco ao espeto e polbo, con música de Os Reis da Troula, Os Festicultores e un dj.
O domingo, a xornada comezará ás 10:30 horas coa saída do ramo desde Pousadela, seguido da misa solemne e procesión ás 12:30 horas. A noite estará animada polas actuacións dos grupos Lume e Tania Veiras. As festas rematarán o luns 11 cunha misa e procesión ao mediodía, e unha verbena coas orquestras Finisterre e La Oca Banda.