sábado. 05.10.2024

A romaría do Monte Castelo de Pesqueiras, Salvaterra de Miño, congregou máis de medio millar de romeiros e romeiras, segundo informou a DL-G a organización. Non só de Pesqueiras, a parroquia organizadora, senón de moitas outras parroquias da comarca.

Nosa Señora da Asunción de Pesqueiras.
Nosa Señora da Asunción de Pesqueiras.

A procesión de subida coas 8 imaxes convidadas xunto coa da Virxe da Asunción e da  Ascensión do Señor foi un gran acto de fe e de piedade por parte dos fieis que acompañaban as súas advocacións, ao igual que a procesión de baixada, pola tarde, do monte.

A capela cumpría 100 anos trala última remodelación. Por iso, cando a procesión pasaba baixo un arco que lembraba tal data, 1923-2023, viviuse un momento moi emocionante. As imaxes foron honradas con pétalos de flores que se lanzaron sobre elas a modo de homenaxe.

Nosa Señora das Dores de Tortoreos.
Nosa Señora das Dores de Tortoreos.

Especial mención merece a imaxe da Nosa Señora das Dores de Tortoreos e os seus fregueses que estiveron presentes tanto na subida coma na baixada do Monte Castelo.

Celebrou a santa Misa o presbítero Luís Pose Regueiro, párroco de Alxén, Arantei, Porto e Cabreira. Coa capela chea coas imaxes, todo o público tivo que seguir a santa Misa trala reixa e durante toda a celebración, contan testigos, mantívose un gran silencio que non se recorda en moito tempo.

Nosa Señora do Rosario de Fátima do Casal, Salvaterra.
Nosa Señora do Rosario de Fátima do Casal, Salvaterra.

Os romeiros e romeiras quedaron a xantar nas mesas dos merendeiros do monte. Todas ocupadas. Outros optaron por levar as súas mesas e cadeiras. Os 300 panos de cabeza que a organización puxo á venda esgotáronse moi cedo. Os postos de venda tamén ofreceron con gran éxito os seus produtos, como o caso dun polbeiro.

A Asociación Cultural Santa Mariña de Pesqueiras, Salvaterra de Miño, organizadora da Romaría, valora moi positivamente a resposta dos romeiros e romeiras e xa empeza a preparar a Romaría de 2024.

 

Máis de medio millar de devotos da nosa Señora da Asunción acudiron ó Monte Castelo
Comentarios