Luis López reivindica en Salvaterra “o enorme potencial cultural e turístico do interior das Rías Baixas”
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este domingo na décimo oitava edición da Festa da Sementeira e da Música de Salvaterra de Miño, unha cita que definiu como “moito máis ca unha exaltación das nosas raíces e das nosas tradicións gandeiras e agrarias”.
Durante a inauguración do evento, organizado pola Asociación Quinta do Piñeiro e o Concello de Salvaterra, o mandatario provincial destacou o papel desta celebración como motor cultural e turístico do interior da provincia. “É unha celebración que enriquece un destino turístico coma as Rías Baixas, sustentable e ligado ao territorio e á cultura”, afirmou.
Luis López puxo en valor o “enorme potencial do interior das Rías Baixas” e asegurou que a Festa da Sementeira representa “unha mostra do acerto da aposta turística da Deputación por descentralizar a cultura e o turismo”, promovendo iniciativas en todos os recunchos da provincia.
A edición deste ano contou coa participación da Confraría do Txuletón como encargada do pregón e ofreceu unha ampla programación con actuacións musicais, obradoiros de artesanía relacionados cos oficios tradicionais do campo, exposicións de tractores clásicos e múltiples actividades culturais e lúdicas.
O presidente provincial lembrou ademais o apoio que a Deputación presta cada ano a esta celebración a través de distintas liñas de colaboración e destacou o esforzo da organización por consolidar un evento que xa acadou a maioría de idade.
“O interior desta provincia garda moitísimos tesouros, pero sen dúbida un dos que máis brilla está aquí en Salvaterra de Miño e é esta emblemática Festa da Sementeira”, sinalou López, quen felicitou aos organizadores polo traballo realizado ao longo destas dezaoito edicións.
Para rematar, o presidente da Deputación insistiu en que esta festa demostra que “se poden organizar grandes eventos culturais, musicais e sociais en contornas rurais” e concluíu cunha mensaxe de promoción turística do interior pontevedrés: “Con esta festa ocorre o mesmo que con todas as persoas que descobren o paraíso interior das Rías Baixas, que sempre volven”.