O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, enxalzou a Festa da Sementeira e da Música de Salvaterra de Miño como unha clara "demostración do paraíso" que alberga o interior da provincia, un territorio rico en atractivos culturais e naturais.
O mandatario provincial, acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, participou este domingo nos actos de celebración da décimo sétima edición deste festival, que conta co apoio da Deputación e se enmarca na estratexia de Turismo Rías Baixas. Esta estratexia busca poñer en valor os encantos de cada concello para construír un destino turístico sustentable, arraigado ao territorio e á cultura, desestacionalizado e descentralizado.
"A Festa da Sementeira é moito máis que unha exaltación das nosas raíces, das que tan orgullosos estamos. É unha celebración que enriquece un destino turístico como as Rías Baixas, sustentable e ligado ao territorio e á cultura; un lugar que demostra o enorme atractivo e o potencial do interior da provincia, e unha mostra do acerto desta aposta turística por un destino como as Rías Baixas, que abrangue desde a praia ata os montes do interior, para desfrutar de cada recuncho en calquera época do ano", subliñou o presidente Luis López durante a inauguración desta festa organizada pola Asociación Quinta do Piñeiro e o Concello de Salvaterra de Miño.
A edición deste ano contou co actor Luis Zahera como pregoeiro, ademais de numerosas actuacións musicais, obradoiros de artesanía centrados nos oficios do campo e unha exposición de tractores clásicos, entre outras moitas propostas lúdicas e culturais. Este festival recibe anualmente o apoio da Deputación a través de diversas liñas de colaboración impulsadas polo servizo de Cultura, que dirixe o deputado Jorge Cubela.
"A provincia de Pontevedra agocha no seu interior infinidade de tesouros que están agardando a ser descubertos. Salvaterra de Miño e a súa Festa da Sementeira é un destes tesouros", concluíu o dirixente, quen valorou o traballo dos organizadores e reiterou o compromiso da Deputación cun evento que se supera cada ano. "O ano pasado tiven o privilexio de participar nesta celebración e como ocorre con todas as persoas que nos visitan e que descobren o paraíso interior das Rías Baixas, decidín volver este ano", rematou o presidente Luis López.
            
            
              