viernes. 06.12.2024

Ponteareas conmemora a figura do ilustre polígrafo Fermín Bouza Brey cunha exposición dos seus libros máis significativos na biblioteca municipal. “Queremos que a veciñanza lembre un dos persoeiros máis importantes da nosa literatura coincidindo coa data do seu nacemento en 1901 na Praza Maior da nosa vila”, destaca o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

Para rememorar a súa figura, a biblioteca municipal terá á disposición do público unha vitrina de exposicións na que usuarios e usuarias poderán ver algún dos libros máis representativos de Bouza Brey, ao tempo que tamén poderán levar prestadas calquera das numerosas obras do autor coas que conta o catálogo da biblioteca.

Iniciador da corrente vangardista do neotrobadorismo, tendencia que despois cultivarían Álvaro Cunqueiro ou Xosé María Álvarez Blázquez, Bouza Brey foi un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos en 1923. Chegou a ser membro da Real Academia Galega en 1941 e, en 1992, dedicóuselle o Día das Letras Galegas. Ademais da súa faceta literaria, o autor ponteareán foi investigador en campos tan variados como folclore e etnografía, arqueoloxía, heráldica, arte, epigrafía, historia, crítica literaria ou historia da literatura, entre outros.

Os libros máis representativos de Bouza Brey