viernes. 29.03.2024

O Concello de Ponteareas vén de sumarse á campaña popular para pedir a través dunha proposición no Parlamento Galego que a TVG se dote dunha maior oferta de contidos para a infancia e a mocidade, retomando a labor que no seu día efectuaba o “Xabarín Club”.

Esta campaña, impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística tras unha iniciativa particular, pretende ademais que a programación infantil e xuvenil estea dispoñible en todas as plataformas de contidos audiovisuais, así como App actualizadas con presenza de programas, xogos e contidos educativos atractivos e de éxito. Así mesmo, solicita que a Xunta chegue a acordos para garantir a opción dobrada e lexendada ao galego en todas as plataformas dixitais de televisión e que realice as accións necesarias para a recepción mutua RTP – TVG en Galiza e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias. A iniciativa propón tamén a opción da dobraxe ao galego nos contidos da canle específica infantil da CRTVE, así como na súa App.

As Concellerías de Lingua e de Mocidade, que dirixen Fernando Groba e  Miguel Bouzó,   amosan o seu apoio a esta iniciativa e poñen a disposición da cidadanía un punto de recolla de sinaturas para implementar a colaboración activa coa dita iniciativa. Así, todas aquelas persoas que se quixeren adherir á petición poden asinala na Biblioteca Pública Municipal, entre as 9:00 e as 21:00 horas.

“Moitas e moitos dos mozos do noso país falamos tamén galego porque xogamos e crecemos felices vendo os debuxos do Xabarín Club e escoitando e cantando as súas músicas” indicou Miguel Bouzó. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, asegurou que “é importantísimo que dispoñamos de máis oferta televisiva e mediática na nosa lingua para paliar a inmensa desproporción que existe hogano entre o emprego das dúas linguas que conviven na nosa sociedade nos medios de comunicación. Unha relevancia que aínda se ve máis agravada ao ser unha campaña dirixida a un sector -o público infantil e xuvenil- en que descendeu o uso da lingua oral nas últimas décadas” puntualizou Groba.

'Iniciativa xabarín', unha maior oferta de contidos para a infancia e a mocidade, gosta...