O vindeiro martes, 19 de agosto, remata o exitoso ciclo de visitas guiadas "Coñece o noso patrimonio", organizado polo Instituto de Estudios Tudenses en colaboración co Concello de Tui. A última parada desta viaxe polo patrimonio local será a emblemática Igrexa de San Telmo, un dos principais referentes históricos e devocionais da cidade.
Esta visita, que xerou unha gran expectación, comezará ás 20.30 horas na Praza do Concello (lugar modificado con respecto ao anunciado previamente). O encargado de guiar aos asistentes será o historiador de arte tudense José Ramón Fernández Fernández, quen afondará nos segredos e na historia deste singular templo.
Unha xoia do Barroco portugués
A igrexa de San Telmo é considerada un exemplar único do barroco portugués en Galicia. A súa construción, que se estendeu dende 1769 ata 1803, levantouse sobre a casa onde faleceu no século XIII o patrón da cidade. Entre os seus elementos máis destacados atópanse a súa planta centralizada, a cúpula gallonada e os interesantes frescos de principios do século XIX.
A presidenta do Instituto de Estudios Tudenses, Marta Cendón, subliñou o éxito do ciclo, destacando a gran participación do público como un sinal do interese crecente da cidadanía polo coñecemento do seu patrimonio. Pola súa banda, a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana María Núñez, agradeceu ao Instituto a súa labor de divulgación e mostrou a satisfacción do Concello polo interese espertado por esta iniciativa.
