O Porriño prepárase para un Samaín cheo de medo, diversión e espectáculo

O alcalde do Porriño, durante a presentación da programación do Samaín, destacou a importancia desta festa como exemplo de creatividade, participación e dinamismo cultural no municipio.
O Porriño celebra o 31 de outubro un Samaín cheo de medo e diversión, con exposición de cabazas, túnel do terror e desfile-espectáculo de Pablo Méndez. A festa contará coa participación de máis de 850 escolares e converterá a vila nun escenario de creatividade e fantasía.

O Concello do Porriño celebrará o vindeiro venres 31 de outubro unha xornada especial para festexar o Samaín, combinando creatividade, participación e espectáculo nun programa pensado para todas as idades.

“O Samaín é moito máis que unha festa: é unha oportunidade para poñer en valor a creatividade do noso alumnado, a participación das familias e o dinamismo das nosas rúas”, destacou o Concello, que este ano presenta tres propostas destacadas: a tradicional exposición de cabazas decoradas polos escolares, o túnel do terror na Casa Consistorial e o desfile-performance de Pablo Méndez, que levará a fantasía e o teatro ás rúas da vila.

454 cabazas e máis de 850 escolares participantes

A través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e da Concellería de Educación, o alumnado de Educación Primaria dos colexios do Porriño, Aceesca e Afaga foi convidado a participar na decoración de cabazas con liberdade creativa total. Nesta edición, presentáronse 454 cabazas, elaboradas por 857 estudantes, que estarán expostas dende o xoves 30 de outubro nos comercios colaboradores, na Casa Consistorial e nos soportais da zona peonil.

O túnel do terror: dúas sesións para todos os públicos

O túnel do terror, unha das actividades máis esperadas do Samaín porriñés, instalarase no interior da Casa Consistorial, que se transformará por completo nun escenario de medo e diversión, con decoración temática, iluminación especial e efectos sonoros.

Infografía DL-G.

O percorrido contará con dous pases diferenciados:

  • De 17.00 a 19.45 horas, sesión infantil con ambientación suave e adaptada aos máis pequenos.

  • De 20.15 a 22.00 horas, sesión para público adulto, cun nivel de intensidade maior e sorpresas reservadas para os máis valentes.

Desfile-espectáculo polas rúas da vila

A partir das 20.00 horas, as rúas do Porriño encheranse de maxia co desfile espectáculo de Pablo Méndez, unha performance teatral e visual inspirada no Halloween e no Samaín, con música, personaxes fantásticas e ambientación escénica.
A actividade promete unha experiencia inmersiva e participativa, na que veciñanza e visitantes poderán gozar do Samaín dun xeito diferente, combinando imaxinación, teatro e diversión.

Con esta programación, o Concello do Porriño consolida o Samaín como unha das festas máis vivas e creativas da comarca, reforzando o seu compromiso coa cultura, a participación cidadá e o lecer educativo.