As Festas do Alivio de Tomiño encherán a praza do Seixo de música, circo e teatro

Fragmento do cartafol da Festa.
Do 8 ao 13 de setembro, Tomiño celebra as Festas do Alivio cunha programación gratuíta de música, teatro e circo na Praza do Seixo. O evento, que homenaxea unha persoa destacada da vila, pecha a programación cultural de verán do concello.

Tomiño prepárase para unha das citas máis esperadas do ano: as Festas do Alivio, que se celebrarán do 8 ao 13 de setembro. A Praza do Seixo será o epicentro dunha programación cultural variada e gratuíta, deseñada para todas as idades, que culminará co tradicional Acto Cívico.

 

Unha programación chea de espectáculos

 

A festa comeza o vindeiro luns 8 de setembro ás 19:00 h con ‘Abracadáver’, un espectáculo de circo e ilusionismo terrorificamente divertido a cargo do actor Dani Blanco. A semana de diversión continuará o martes 9 co clown Peterpunk e o seu premiado show ‘A Chungatrona’, un festín de risas e acrobacias.

O mércores 10, a música será a protagonista con Martiña Soñadora, que, da man de Sabela King e Carlos Gil, fará bailar a nenos e nenas ao son de ritmos brasileiros, rock ou blues con letras en galego e francés. A programación familiar pecharase o xoves 11 cun espectáculo de pompas de xabón xigantes, cheo de cor e maxia.

 

Homenaxe e peche de verán

 

Como colofón, o sábado 13 de setembro ás 21:00 h, terá lugar o Acto Cívico do Alivio, no que se renderá homenaxe a unha persoa con fortes vencellos á historia de Tomiño. A Agrupación Musical de Goián será a encargada de poñer a banda sonora a este emotivo evento.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que estas festas son o broche de ouro da programación de verán do municipio. A rexedora agradeceu o traballo da Comisión de Festas, destacando o seu compromiso altruísta para manter viva esta tradición que cada ano gaña máis relevancia, tanto para a veciñanza como para os visitantes.

Con esta programación, o Concello de Tomiño pon punto final a un verán con máis de trinta actividades culturais, deportivas e artísticas, ofrecendo unha proposta diversa e pensada para o goce colectivo.