O aroma do bo viño e o espírito festivo volverán ser os protagonistas do verán no Rosal. A XXXIII edición da Feira do Viño do Rosal celebrarase do 18 ao 20 de xullo na emblemática Praza do Calvario, un evento que ano tras ano congrega a produtores, veciños e visitantes nun ambiente que celebra a viticultura, a rica gastronomía local e a identidade do Baixo Miño.
Unha das novidades máis destacadas desta edición é o acordo de colaboración alcanzado entre o Concello do Rosal e a Cámara Municipal de Caminha. Esta alianza permitirá que a Feira do Viño non coincida co popular Artbeerfest luso, atendendo así a unha petición reiterada pola comunidade transfronteiriza.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliñou a importancia deste acordo, afirmando que “este ano ninguén terá que escoller entre unha festa ou outra. Traballamos para facilitar que a nosa xente poida gozar de ambas celebracións e, ademais, reforzamos os lazos entre dous concellos irmáns unidos polo río”.
A rexedora tamén destacou que esta colaboración é un paso significativo nun camiño conxunto que busca “sumar, colaborar e construír un futuro mellor para a veciñanza miñota. Queremos un territorio vivo, dinámico e coidado, e iso pasa tamén por entender que xuntos chegamos máis lonxe”.
Unha vez máis, a Feira do Viño do Rosal converterase nun escaparate excepcional dos excelentes viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Nun espazo pensado para o goce de todos, a música, a cultura, os produtos da terra e a arraigada tradición vitivinícola fusionaranse durante tres xornadas que prometen ser memorables.
