A Feira de Cultivos do Baixo Miño regresa a Tomiño como gran escaparate do viveirismo galego

Departamento de Infografía DL-G.
A XXI edición celebrarase do 8 ao 10 de maio en Goián cunha programación chea de actividades, obradoiros e referentes do sector

A Feira de Cultivos do Baixo Miño volve a Tomiño consolidada como un dos principais eventos do viveirismo en Galicia. Do 8 ao 10 de maio, a Praza Pintor Antonio Fernández de Goián converterase nun espazo aberto de encontro, innovación e divulgación arredor do mundo da planta, a flor, a horta e os subministros.

Organizada pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) en colaboración co Concello de Tomiño, esta XXI edición reforza o seu formato ao aire libre, apostando por unha experiencia máis accesible, dinámica e próxima tanto para profesionais como para o público xeral. Durante tres días, visitantes poderán desfrutar de expositores, charlas, obradoiros, concertos e múltiples actividades pensadas para todos os públicos.

Referentes e divulgación

Nesta edición, o coñecido paisaxista e divulgador Íñigo Segurola exercerá como padriño da feira, participando nunha das charlas programadas. Xunto a el, destaca tamén a presenza da influencer Nuska Chousa, nunha aposta clara por achegar o sector a novos públicos a través da divulgación e das redes sociais.

Un motor para o territorio

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliña a importancia estratéxica do evento: “É un orgullo ver como este proxecto medrou ata converterse nun referente en Galicia. Levamos máis de dúas décadas apoiando un sector clave para o noso territorio”.

A rexedora tamén destaca o papel da feira como ponte entre o sector produtivo e a cidadanía: “Esta edición permitirá seguir fortalecendo ese vínculo e poñer en valor o traballo de tantas persoas que fan posible este crecemento”.

Dende acuBam, pola súa banda, salientan o éxito do formato actual: “Sacar a feira á rúa foi un acerto, porque permite achegar o sector a máis xente, facelo máis accesible e seguir medrando en calidade e participación”.

Obradoiros en expansión

Un dos grandes atractivos desta edición serán os obradoiros, que amplían a súa oferta tras o éxito dos últimos anos. Estes espazos prácticos e participativos consolidáronse como un dos eixos da feira, fomentando a aprendizaxe e a interacción directa co público.

Durante tres días, Goián volverá encherse de vida e cor, reafirmándose como punto de encontro para profesionais e afeccionados, e demostrando que o futuro do sector tamén se cultiva desde o local e en comunidade.