viernes. 29.03.2024

Estrada Estilismos Home, Viveiros Canedo e Bar Alimentación Fozara, gañadores dos premios ‘Ponteareas, Lingua e Empresa’

Ponteareas recoñece un ano máis ás persoas ou empresas que, día a día, achegan a lingua galega dun xeito normalizado ás persoas consumidoras e “contribúen deste xeito ao aumento e mellora do uso social do galego no sector empresarial”. Así o recordou a alcaldesa, Cristina Fernández, durante a entrega dos premios ‘Ponteareas, Lingua e Empresa 2022’ durante a celebración no auditorio municipal da Gala da Lingua celebrada este 17 de maio, Día das Letras Galegas.
Premiados, concelleiro, alcaldesa, presidenta de Banastra e Silverio Rivas.
Premiados, concelleiro, alcaldesa, presidenta de Banastra e Silverio Rivas.

Ponteareas recoñece un ano máis ás persoas ou empresas que, día a día, achegan a lingua galega dun xeito normalizado ás persoas consumidoras e “contribúen deste xeito ao aumento e mellora do uso social do galego no sector empresarial”. Así o recordou a alcaldesa, Cristina Fernández, durante a entrega dos premios ‘Ponteareas, Lingua e Empresa 2022’ durante a celebración no auditorio municipal da Gala da Lingua celebrada este 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Un galardón co que destacar o labor pola lingua feita por tres empresas da vila que este ano acadou Antonio Martínez Groba, de Estrada Estilismo Home, na categoría de ‘Traxectoria do uso da lingua galega ao longo de décadas’, polo uso do galego dende hai máis de 30 anos “tanto de xeito oral como facendo visíbel o idioma no rotulado do seu establecemento, nas tarxetas de visita, nos vales de agasallo e en todo tipo de publicidade da súa empresa”, segundo explicou a rexedora.

Na categoría de ‘Uso continuado da lingua galega’, o premio foi para Viveiros Canedo SL pola utilización do galego na súa actividade dende o ano 2004 ata a actualidade, “tanto na comunicación interna como externa, ofertando positivamente produtos e orzamentos e facturas en galego, así como o seu uso no nome da empresa, na cartelería, no rotulado exterior, nas furgonetas e na publicidade de todo tipo, tanto en prensa como en radio, así como polo uso do galego nas redes sociais e na súa páxina web”, como resaltou o concelleiro de Lingua, Fernando Groba. Recolleron o galardón Marisol Lorenzo e Julia Rodríguez.

Pola súa banda, Gumersinda Bugarín Codeseda, de Bar Alimentación Fozara, foi recoñecida na categoría ‘Incorporación recente ao uso da lingua galega’ por ser un establecemento de alimentación que, ademais de usar o galego na comunicación interna e externa e na súa cartelería, “incorporou de xeito decidido a lingua galega ás súas redes sociais nas que publicita o negocio e os seus produtos na lingua normal de uso no seu comercio, o galego, escollendo de xeito consciente a nosa lingua para achegarse á clientela”, destacou o edil. Recolleu o galardón Verónica Taboada.

As empresas gañadoras recibiron unha escultura exclusiva do artista ponteareán Silverio Rivas creada para estes galardóns. Cristina Fernández trasladou os parabéns do Concelllo a todas e todos os gañadores, xa que “actitudes tan positivas como esta teñen unha grande importancia para o prestixio social da nosa lingua no ámbito socioeconómico, achegando aos veciños e veciñas ao galego e xerando unha maior receptividade ao seu uso na sociedade”.

A Gala da Lingua estivo conducida polo actor Avelino González e contou coa actuación musical de Malvela, un dos grupos de música tradicional galega máis populares, prestixiosos e emblemáticos de Galicia, que fixeron gozar ao público con novas composicións, coplas populares e pezas tradicionais adaptadas á realidade cotiá.

Estrada Estilismos Home, Viveiros Canedo e Bar Alimentación Fozara, gañadores dos...
Comentarios