Estela Martínez Pérez gaña o Concurso do Cartel do Corpus Christi 2026 de Ponteareas

A alcaldesa Nava Castro e o tenente de alcaldesa Juan Carlos Glez Carrera presentan o cartel do Corpus Christi 2026, obra da ponteareá Estela Martínez Pérez.
A ponteareá Estela Martínez Pérez gaña o Concurso do Cartel do Corpus Christi 2026 cun deseño que recolle a esencia das alfombras florais. O cartel representarase en feiras e eventos mentres Ponteareas continúa o camiño cara ao recoñecemento da UNESCO.

A ponteareá Estela Martínez Pérez resultou gañadora do Concurso de Cartel do Corpus Christi 2026 por ser quen de condensar “o sentir e a tradición das alfombreiras e alfombreiros” nun deseño vibrante e cheo de simbolismo.

O fallo fíxose público nun acto aberto celebrado ante numeroso público, no que participaron o tenente de alcaldesa, Juan Carlos Glez Carrera, e a alcaldesa, Nava Castro, quen deron a coñecer o nome da autora e presentaron a súa proposta.

Cartel Corpus Christi 2026

Vivimos hoxe un dos momentos máis emocionantes do Corpus Christi: a presentación do seu cartel”, destacou Carrera, tamén concelleiro de Cultura. “É un deseño que nos representará, que nos acompañará e que compartiremos.”

Un cartel cheo de cor e tradición

A obra de Martínez Pérez ten como protagonista a tradicional choiva de pétalos desde os balcóns, integrada nunha composición alegre e colorida. A imaxe complétase cunha alfombra floral de Ponteareas e coa silueta da igrexa de San Miguel e da procesión, elementos que “recollen toda a esencia do Corpus”, tal e como explicou o alfombreiro Miguel Mera, membro do xurado.

Segundo indicou o propio xurado, o resultado final “é froito dun profundo coñecemento do sentir das e dos alfombreiros”.

Un recoñecemento á nova xeración

Alfombreira do tramo “A Xiralda”, Estela Martínez Pérez formouse en ilustración na Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Failde de Ourense e realizou as prácticas na Escola de Arte de Ponteareas. Visiblemente emocionada, agradeceu o apoio dun público que a felicitou e con quen compartiu fotografías ao remate do acto.

Neste edición presentáronse 18 traballos, que foron analizados polo xurado composto por alfombreiros, técnicos municipais e deseñadores locais. “É unha cifra que simboliza o interese crecente que esperta este concurso”, salientou Carrera.

Un cartel que viaxará por feiras e certames

A edición de 2026 do Corpus Christi celebrarase o 7 de xuño. Ata esa data, o cartel será difundido en feiras como FITUR, en certames especializados e en todos aqueles eventos nos que as e os alfombreiros de Ponteareas realizan alfombras florais.

A alcaldesa destacou tamén o relevo xeracional que vive esta tradición: “Aínda que o peso segue estando nas mans das e dos maiores, o Corpus Christi de Ponteareas ten futuro. Vémolo cada ano nas rúas e hoxe con esta moza alfombreira que gaña o concurso”.

Camiño cara ao recoñecemento da UNESCO

Co seu nome xa ligado á historia da festa, Estela Martínez Pérez contribuirá a seguir impulsando un Corpus Christi que é Ben de Interese Cultural Inmaterial e que agora busca o recoñecemento mundial da UNESCO.