jueves. 28.03.2024

Dar voz á rapazada ponteareá. Ese é o obxectivo do recital de poesía nova que se celebrará o vindeiro martes 27 de decembro ao abeiro do programa Mocidade Viva, co que o Concello de Ponteareas busca promover un lecer saudábel e alternativo para rapazas e rapaces maiores de 12 anos tentando dar sempre resposta ademais aos seus intereses.

Esta actividade, xurdida por iniciativa e coa colaboración de varias persoas participantes no programa de Mocidade Viva, “busca servir de ferramenta de comunicación para todas aquelas mozas e mozos aos que lles gusta escribir e que encontran na poesía ou na escritura un espazo de liberación, de expresión ou de liberdade para contar todo aquelo que non poden verbalizar doutro xeito”, explica o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó.

Aínda que normalmente este tipo de formato de recitais vai máis enfocado a público adulto, con esta actividade dende o Concello dáselle a oportunidade á xente nova de xuntarse con rapaces e rapazas coas mesmas inquietudes. “Agardamos que este recital poida servir de plataforma para que mozos e mozas interesadas creen un grupo de poesía co que se poidan encontrar para conversar e compartir inquietudes”, destaca Bouzó.

A actividade podería ter tamén continuidade con colaboracións cos distintos centros educativos que contan con clubs de lectura a través da posta en marcha de actividades creativas “coas que seguir fomentando a canteira de grandes escritores e escritoras que temos en Ponteareas”.

O edil convida a toda a mocidade interesada a participar neste encontro que se celebrará de balde a partir das 19.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal.

Un espazo para a poesía da mocidade ponteareá
Comentarios