O Entroido de Mos reúne 1.353 participantes e 21 comparsas nun desfile cheo de cor na Sanguiñeda
O Concello de Mos celebrou este domingo o seu desfile de Entroido cunha ampla participación: 1.353 persoas inscritas distribuídas en 21 comparsas. Dende as 17:00 horas, a comitiva percorreu a Avenida de Sanguiñeda entre música, vestiarios elaborados, carrozas e coreografías, arroupada por un público numeroso que acompañou o evento durante todo o percorrido.
Un dos instantes máis agardados da tarde foi a aparición do Xabarín, que se sumou á festa interpretando unha canción e participando na entrega de premios, provocando a ilusión especialmente entre os máis pequenos.
O xurado avaliou criterios como o número de integrantes, o vestiario, a orixinalidade, as coreografías, a calidade técnica e artística, o impacto visual e a presenza de elementos complementarios como carrozas e animación. No apartado de galardóns, o premio á mellor comparsa infantil foi para a A. Cultural A Cividade con “Golden, o Poder do K Pop”, mentres que o premio á mellor comparsa de adultos recaeu na Comparsa Fantasía, de Ponteareas. Ademais, a mellor carroza foi para Comparsa Os Feiticeiros, de Mos; o recoñecemento ao mellor vestiario foi para Asoc. Politicam. Incorrectos, de Gondomar; e a mellor animación para a Asoc. Cultural de Guizán con “Os Enredos de Guizán”.
Tras o fallo, o grupo “Pa ti na Má” encargouse de poñer o peche musical a unha xornada que, segundo sinala o Concello, consolida o Entroido de Mos como unha das citas máis participativas do calendario cultural municipal. O goberno local agradeceu a implicación de comparsas, centros educativos, asociacións e veciñanza, así como o labor dos servizos municipais e dos dispositivos de seguridade que permitiron o correcto desenvolvemento do evento.