domingo. 26.05.2024

Documental sobre o traballo interxeracional e colaborativo das e dos alfombristas

“Este documental é unha ollada ás historias, ao proceso creativo que hai detrás de cada unha das nosas alfombras. Con el mergullámonos no corazón desta festa que celebramos dende hai máis de 150 anos e que reflicte a riqueza cultural e patrimonial da nosa vila, pero, sobre todo, o sentir de todo un pobo polo noso Corpus”
Cristina Fernández estivo acompañada no escenario polas sete persoas protagonistas.
Cristina Fernández estivo acompañada no escenario polas sete persoas protagonistas.

“É un orgullo poder presentar por primeira vez ao público un traballo de case un ano que pretende por voz e rostro á nosa festa, o Corpus Christi, pero, sobre todo, pode recoñecer o fantástico labor e esforzo co que todas e todos os alfombristas traballan ano tras ano para manter esta tradición que fai que Ponteareas sexa coñecida máis alá das nosas fronteiras como a vila do Corpus”. Con estas sentidas palabras, a alcaldesa Cristina Fernández daba comezo ao acto de presentación do documental ‘As mans do Corpus’, unha peza audiovisual que amosa “cunha gran sensibilidade o sentir de todas e todos os ponteareáns” por esta festa histórica.

Este documental recolle o traballo interxeracional e colaborativo entre as e os alfombristas e todo o proceso de planificación, deseño, preparación de material e elaboración dun quilómetro de alfombrado no centro de Ponteareas que é visitado e desfrutado por milleiros de veciños, veciñas e visitantes.

“Este documental é unha ollada ás historias, ao proceso creativo que hai detrás de cada unha das nosas alfombras. Con el mergullámonos no corazón desta festa que celebramos dende hai máis de 150 anos e que reflicte a riqueza cultural e patrimonial da nosa vila, pero, sobre todo, o sentir de todo un pobo polo noso Corpus”, recalcou a rexedora.

Cristina Fernández estivo acompañada no escenario polas sete persoas protagonistas, unha representación dos e das alfombristas que recolle o testemuño e poñen voz e rostro a un arte efémero centenario que soubo avanzar e modernizarse para ofrecer tamén un espectáculo festivo e cultural considerado Festa de Interese Turístico Internacional. Alejandro Porto, Ana Fernández, Iago Carrera, Julio González, Maruja Carrera, Miguel Mera e Pilar S. Garra contaron as súas vivencias e experiencias nun coloquio no que tamén participaron os integrante do equipo realizador do documental, Azo Audiovisual, composto por Miguel Fernández, Pablo Kaufman, Pío Cribeiro e Eloy Táboas.

A alcaldesa quixo dar as grazas a todos os portais alfombristas, “xa que sen eles sería imposíbel manter esta tradición”; agradecer a colaboración das e dos protagonistas do documental, “que representan o sentir e o traballo de todas e todos os alfombristas”; e achegou os seus parabéns ao equipo de produción do documental “polo excelente traballo realizado e por ter a sensibilidade para contar como é e como se vive o Corpus en Ponteareas”.

O acto rematou coa proxección do documental, que pechou a emotiva xornada cunha grande ovación do público.

Documental sobre o traballo interxeracional e colaborativo das e dos alfombristas
Comentarios