miércoles. 24.04.2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade activa desde este próximo luns, día 18, servizos directos de autobús desde O Porriño ata Praia América, no concello de Nigrán.

Os servizos estarán activos durante os meses de xullo e agosto para facilitar os desprazamentos á praia desde O Porriño, que non contaba con conexións directas.

A nova liña de autobús non terá paradas intermedias entre O Porriño e Praia América, conseguindo deste xeito ofrecer un servizo atractivo para os usuarios cun tempo de viaxe reducido, de só media hora.

A nova liña disporá de dous servizos diarios de luns a domingo, un de ida ás 12,00 horas e outro de regreso con saída do areal de Nigrán ás 20,00 horas.

Nestes novos servizos, como en todos os autobuses da Xunta, os menores de 21 anos poden viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova (TXN). Neste caso poderán beneficiarse directamente os 906 mozos que actualmente dispoñen deste dispositivo, co que a Xunta leva bonificados 18.600 € nas viaxes realizadas no que vai de ano.

Tamén o resto de usuarios do transporte público da Xunta poden beneficiarse dos descontos da tarxeta TMG.

Os horarios dos servizos de autobús da Xunta e toda a información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Do Porriño a Praia América, sen paradas intermedias
Comentarios