A Deputación de Pontevedra levará este sábado, 23 de agosto, un concerto da Banda da Loba a Nigrán, no marco do programa provincial +Música. A actuación terá lugar ás 22:00 horas na Carballeira da Chan do Rapadouro, en Chandebrito, como parte do festival Chandefolk.
Esta iniciativa da Deputación colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes para apoiar a súa programación cultural e, ao mesmo tempo, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas.
Unha aposta pola música e a lingua galega
A Banda da Loba volve aos escenarios para presentar o seu novo traballo, “Lovismo”. A través dun estilo ecléctico, exploran diferentes tipos de amor con influencias de xéneros como a bachata, o pop ou a música disco, mantendo sempre a inspiración literaria que as caracteriza.
A banda está formada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e a nova incorporación Iria de Cabo (guitarra).
O concerto en Nigrán é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre maio e decembro en 59 concellos da provincia. O programa conta cun orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na edición anterior, o que permite á Deputación cubrir os custos dos espectáculos e promover a descentralización da cultura, levando eventos de calidade a toda a provincia.
