O Concello de Ponteareas desbroza máis de 600 km de estradas e inicia a segunda rolda de limpezas
O concelleiro de Desbroces e Xardíns de Ponteareas, Domingo Freitas, fixo balance das intensas intervencións realizadas polo seu departamento e anunciou o comezo da segunda rolda de desbroces e limpezas no municipio. Segundo informou, ao longo destes meses o equipo municipal desbrozou máis de 600 km de estradas nas 23 parroquias e no centro urbano.
Balance de actuacións e equipo de traballo
O equipo de Desbroces está formado pola capataz, un tractorista e dez peóns, dos cales oito son eventuais contratados a través de programas da Deputación e dous pola Xunta de Galicia (estes últimos rematan o seu contrato en novembro).
Domingo Freitas explicou que, durante os meses de verán, a prioridade estivo na limpeza dos torreiros de festas, incluíndo o refaldado de árbores que interferían coas actuacións das orquestras, a limpeza de muros de contención e a retirada de silveira.
O traballo desta brigada é fundamental para un concello que abarca 125,5 km² e 23 parroquias rurais. Ao longo do ano, a súa tarefa esténdese á limpeza de estradas, terreos municipais, desbroce de cunetas nas vías principais e ramais, camiños públicos, e o adoxo das contornas de casas e centros culturais. Tamén se encargan da poda de árbores que afectan o tráfico e da limpeza das contornas e paseos das praias fluviais como A Freixa, San Roque, Moscadeira, Moreira, Nogueira e o regato da Venda, entre outras.
No centro urbano, realizouse a renovación total da masa verde e especies nas rotondas, así como o mantemento e coidado dos xardíns e parques municipais e a limpeza dos aparcamentos públicos.
Reforzo de medios e chamamento á cidadanía
Para levar a cabo esta labor, o servizo de Desbroces contou co reforzo dunha empresa local, unha empresa especializada en poda e o apoio dun tractor da Xunta. O concelleiro sinalou que a poda se realizou a principios de ano e que "agora volvemos coa poda de outono".
O edil informa que inician agora a segunda rolda de limpezas, nalgúns casos a terceira, xa que o equipo traballa "dun xeito planificado á vez que hai que atender a cuestións de urxencias non programadas".
Domingo Freitas solicitou a colaboración de toda a cidadanía para que manteñan as súas propiedades limpas, o que contribúe a mellorar a convivencia e, especialmente, a seguridade nos días de moita calor.
Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro manifestou o compromiso do goberno local coa xestión e a colaboración con todas as administracións posibles. Este enfoque, segundo indicou, permite ofrecer mellores e máis amplos servizos á cidadanía, cubrindo máis necesidades e expandindo a capacidade da xestión municipal.