domingo. 28.04.2024

O Concello de Ponteareas, a través de resolución de Alcaldía, vén de aprobar as bases reguladoras de subvencións incluídas no Programa de Axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de Barrio do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que poden chegar ata 30.000 euros.

O obxecto das axudas é a achega de financiación aos veciños e veciñas que leven a cabo obras de mellora da eficiencia enerxética nas súas vivendas, especialmente na envolvente dos edificios residenciais ou vivendas unifamiliares localizadas no ámbito da contorna Residencial de Rehabilitación Programada do Concello de Ponteareas ou ERRP Zona Vella de Ponteareas.

Poderán beneficiarse destas axudas todas aquelas persoas físicas e xurídicas que non desenvolvan actividades económicas e concederanse segundo a orde de presentación da documentación completa segundo as zonas de actuación prioritarias, comezando pola Fase 1 ata a Fase 3, e ata esgotar o crédito dispoñible e tendo seis meses para a presentación da documentación como período máximo para cada fase.

Para dar solventar as dúbidas que poidan xurdir entre os veciños e veciñas que poden acollerse a estas axudas, o Concello ten previsto levar a cabo unha xornada informativa antes do Nadal que será oportunamente dada a coñecer para chegar ao maior número de persoas posible.

Un dos obxectivos do actual grupo de goberno é a recuperación do núcleo antigo da vila, coa recuperación da contorna e a súa posta en valor, e fomentando a fixación da poboación nesta área, unha meta que se apoia nestas axudas así coma en outras actuacións que xa se están a levar a cabo.

Toda a información relativa a este programa de rehabilitación estará dispoñible para a súa consulta no Taboleiro de Anuncios do Concello de Ponteareas, e tamén na páxina web municipal. Este programa está financiado pola Unión Europea a través dos Fondos Next Generation e xa está publicado no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra da Deputación Provincial, polo que dá comezo o período de exposición pública á cidadanía.

Ligazón ás bases reguladoras no BOPPO:

https://boppo.depo.gal/detalle/-/boppo/2023/12/01/2023072447

Ligazón ao expediente no Sistema Nacional de Publicidad de Subvenciones y Ayudas Públicas:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatorias/730237

Comeza a recuperación do núcleo antigo da vila ponteareana
Comentarios