sábado. 17.01.2026

O claustro da Catedral de Tui será escenario mañá, ás 12.45 horas, da inauguración da XI Mostra da Camelia Cidade de Tui, organizada polo Concello de Tui e ATUCA, Amigos Tudenses da Camelia. O evento reunirá 75 expositores de Galicia, Asturias e Portugal, que achegarán ao público distintas variedades e tamén innovacións arredor desta flor da invernía. A cita súmase, ademais, aos actos conmemorativos do 800 aniversario da consagración da Catedral de Tui.

A mostra contará con 123 metros de exposición, nos que se poderán admirar composicións elaboradas con mimo e enxeño para poñer en valor a camelia. O horario de apertura ao público será mañá sábado de 16.45 a 20.30 horas e o domingo de 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00 horas.

Vista xeral do claustro da Catedral de Tui durante a XI Mostra da Camelia, con máis de 120 metros de exposición floral no marco do 800 aniversario da consagración do templo.
Vista xeral do claustro da Catedral de Tui durante a XI Mostra da Camelia, con máis de 120 metros de exposición floral no marco do 800 aniversario da consagración do templo.

A programación inclúe tamén actividades paralelas e actuacións. Coincidindo coa inauguración, actuará a Asociación do Traxe Tradicional de Tui, mentres que a clausura do domingo contará coa Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro, que iniciará un pasarrúas dende a Corredoira ás 17.30 horas. Ademais, mañá ás 17.30 horas, no Espazo Sociocultural, celebrarase unha charla-degustación de té.

A XI Mostra da Camelia Cidade de Tui preséntase esta fin de semana como unha cita imprescindible para as persoas afeccionadas a esta flor e como un evento de referencia que pon en valor o patrimonio natural e cultural da cidade.

A Catedral de Tui acolle a inauguración da XI Mostra da Camelia Cidade de Tui
Comentarios