O Castelo de Soutomaior celebra o Día Europeo dos Xardíns Históricos con portas abertas e actividades para familias
A Deputación de Pontevedra súmase á celebración do VI Día Europeo dos Xardíns Históricos cunha programación especial que terá como escenario o emblemático Castelo de Soutomaior. A iniciativa busca divulgar os elementos singulares do seu xardín tanto a través de actividades presenciais como de contidos dixitais.
A programación comezou esta semana con visitas guiadas dirixidas a escolares e ao público en xeral, que permitiron explorar os encantos do xardín do castelo. Paralelamente, desenvolveuse unha campaña activa nas redes sociais. O punto culminante da celebración será este sábado, cunha xornada de portas abertas e a entrega ás familias dun caderno naturista titulado “Os segredos dos Xardíns de Soutomaior”.
Este sábado, a Deputación abrirá de balde as portas da fortaleza para convidar a veciños e visitantes a descubrir a transformación do Castelo de Soutomaior dun edificio bélico a un palacio rodeado dun magnífico xardín. A xornada de acceso libre, sen necesidade de reserva previa, ten como obxectivo poñer en valor a paisaxe histórica que conforman a fortaleza e a súa contorna a través da súa musealización.
Ademais, as familias que visiten o Castelo este sábado recibirán o caderno do naturista “Os segredos dos Xardíns de Soutomaior”. Este material busca enriquecer a experiencia dos máis pequenos, achegándoos de forma lúdica á finca que rodea a fortaleza a través de diversos retos como un plano do xardín tipo quebracabezas, xogos de relacionar descricións con fotografías, adiviñas, encrucillados, sopas de letras e preguntas de verdadeiro ou falso.
Ao longo da semana, a Deputación de Pontevedra desenvolveu visitas guiadas para escolares e público xeral, facendo especial fincapé no recoñecemento que supón o Itinerario Europeo de Xardíns Históricos para promover o coñecemento e a preservación do patrimonio arbóreo. Tamén se impulsou unha campaña en redes sociais baixo o lema “Unha Europa de Xardíns Unidos”, destacando árbores e conxuntos arbóreos do xardín de Soutomaior e relacionándoos con xardíns da Ruta Europea que comparten características similares, como a Alameda da Coruña, o Pazo de Oca, o Pazo Quiñones de León de Vigo ou o Pazo Quinteiro da Cruz de Ribadumia.