O verán chega ao Rosal cunha morea de actividades de alta calidade e moi diversas para achegar a cultura, a música e o lecer a todos os públicos e todo o municipio. O Concello conta para os meses de xullo e agosto cunha intensa programación cultural na que haberá cabida para concertos, festivais, cine, monicreques, deporte e moito máis. “Continuamos apostando por encher de lecer o noso municipio, por iso preparamos un programa moi completo co que revitalizar os nosos barrios e poñer en valor os espazos de lecer cos que contamos”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A axenda cultural arrancará o vindeiro 19 de xullo co concerto de Roberto Caco na Praza de Fornelos ás 21.00 h e o xoves 21 coa actuación de Na Revolta no Torreiro de Marzán (21.00 h). O venres 22 chega unha das actividades estrela, a presentación dunha nova edición do proxecto Memoria Viva, que recolle o inestimable testemuño de dous novos maiores que atesouran grandes coñecementos da historia e devir do Rosal. Será ás 20.30 h no auditorio municipal.
Os días 23 e 24 de xullo a UD Ribera organiza en colaboración co Concello o V Torneo de Fútbol 7 O Rosal, que se disputará no campo de fútbol da Mata, con premios e trofeos para os equipos gañadores e tamén para o mellor porteiro e xogador. O 24 e 25 de xullo chega a Festa do verán do Pilar con dous días cheos de actividades no colexio da Mata co concerto estrela de Treixadura ou o Festival Xente Xida. Haberá tamén xogos populares, torneo de xadrez e monicreques, entre outras actividades.
O mes rematará coas Xornadas de Cine nas Eiras organizadas pola Asociación Ghorghalado en colaboración co Concello do Rosal, que durante os días 28, 29 e 30 de xullo achegará ao público a unha oferta cinematográfica difícil de atopar nos circuítos habituais.
Agosto estrearase con música: concerto de Man de Santo e Ska Soul o xoves 4 de agosto (21 h no Torreiro de Sandián), concerto de Simant Dúo o venres 5 (21 h na Abadía das Eiras), Klason ao abeiro do Amdor Cámara Fest o luns 8 (21 h en Lagar de Cervera) ou Brais das Hortas, Zona en Obras e a banda da Escola da Agrupación Musical do Rosal o día 10 (20 h no Torreiro de Novás). O martes 16 será a quenda dos monicreques da man de Tarabelos Teatro (20 h, Parque de Pías) e o mércores 17 será a primeira presentación dun dos protagonistas de Memoria Viva no seu propio barrio, en Tabagón, con actuación previa de Big Band de Amador Cámara Fest.
Os concertos continuarán o 20 de agosto co Festival de Músicos Xoves Amdor Cámara Fest (20h Colexio da Mata), o día 21 co Festival de Corais (20 h na igrexa de Santa Mariña), o domingo 22 co Quinteto Suso González (21 h na igrexa de San Miguel) e o día 23 cos solistas do Amdor Cámara Fest como teloneiros da segunda presentación nos barrios do proxecto Memoria Viva (20 h na igrexa de Santa Mariña). O mércores 24 será a quenda de Caamaño Ameixeiras ás 21 h no Ecoparque de Martín.
A oferta de lecer completarase ademais coas visitas guiadas aos muíños do Folón e do Picón que organizará o Concello totalmente de balde. As saídas serán os venres 15 e 29 de xullo e 12 e 26 de agosto ás 19.00 horas. As persoas interesadas poden inscribirse xa a través da web municipal.
A alcaldesa quere agradecer especialmente “a gran colaboración que existe entre Concello e todas as asociacións e entidades, que nos permite traballar man a man para poder ofrecer un verán máis unha programación con actividades diversas e de calidade”.