A RAG explica aos veciños d’A Cañiza o cambio de nome oficial do concello para recuperar a forma xenuína galega: A Caniza

A RAG explicou aos veciños d'A Cañiza a decisión de cambiar o nome oficial do concello a A Caniza para recuperar a forma xenuína galega do topónimo, atestada desde a Idade Media.

 A Real Academia Galega (RAG) explicou hoxe aos veciños d’A Cañiza, nunha reunión celebrada no Auditorio da Casa da Cultura, as razóns históricas e lingüísticas que motivan o ditame para mudar a denominación oficial do concello pontevedrés a A Caniza.

Esta modificación, que tamén afecta á parroquia homónima, foi validada este verán pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia e entrará en vigor unha vez sexa aprobada polo Consello da Xunta na vindeira actualización do Nomenclátor de Galicia.

Restitución dun topónimo xenuíno

O encontro, moderado polo alcalde Luis Piña, contou coa participación de tres académicos especialistas en toponimia –Antón Santamarina (coordinador do Seminario de Onomástica), Ana Boullón e Gonzalo Navaza–, xunto ao secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García.

Os académicos expuxeron que a RAG iniciou de oficio o proceso para restituír a forma A Caniza, baseada na palabra do léxico común galego caniza, que se refire a estruturas ou obxectos feitos con varas ou canas tecidas.

Gonzalo Navaza sinalou que o topónimo está atestado desde a Idade Media. A forma castelanizada La Cañiza comezou a empregarse frecuentemente en textos escritos en castelán, sendo esta a que se oficializou na denominación do concello desde o século XIX, o que contribuíu a fixala entre a poboación.

Non obstante, a investigación da RAG comprobou que a forma orixinaria A Caniza sobreviviu na memoria dos falantes máis vellos da zona. Tendo en conta que a lei establece que a forma oficial dos topónimos de Galicia é unicamente a galega e que a forma A Cañiza é allea á lingua do país, a RAG propón a oficialización de A Caniza para a vila, a parroquia e o concello.

O traballo da RAG enmárcase nas súas competencias, outorgadas pola Lei de Normalización Lingüística, para estudar e propor a restauración da onomástica galega de cara á súa oficialización.