O alumnado do CEIP da Ribeira explora o mundo da radio con 'Ondas creativas'
O CEIP da Ribeira acolleu hoxe unha nova xornada do programa "Ondas creativas. A voz dos nenos/as do Porriño no aire", unha iniciativa impulsada pola OMIX e a Concellería de Educación do Concello do Porriño. Este proxecto educativo innovador está permitindo ao alumnado de 5º de Educación Primaria de diferentes centros da vila mergullarse no mundo da radio e do podcasting.
O obxectivo principal do programa é ofrecer aos nenos e nenas unha experiencia de aprendizaxe diferente, onde poidan desenvolver habilidades de comunicación, traballar en equipo e aprender a producir os seus propios contidos sonoros.
Durante a visita ao CEIP da Ribeira, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou "a importancia de promover actividades que fomenten a creatividade e o espírito crítico dos máis novos. Queremos que a nosa mocidade aprenda a expresarse e a comunicar dun xeito claro e efectivo, e iniciativas como esta son fundamentais para conseguilo".
Pola súa banda, a concelleira de Educación, Carolina González, destacou que "a través desta iniciativa, pretendemos ofrecerlles aos mozos e mozas unha experiencia única que lles permita descubrir o fascinante mundo da radio e do podcast, consolidando a súa formación de maneira divertida e significativa".
Os obradoiros de "Ondas creativas" continuarán nas vindeiras semanas e culminarán o 9 de xuño. Contan coa participación de profesionais do sector que están a guiar aos estudantes no proceso de creación dos seus propios programas radiofónicos. A actividade non só fomenta a expresión oral e escrita, senón tamén o traballo en equipo e a comprensión dos medios de comunicación como ferramentas de transformación social.
Con este tipo de propostas, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso cunha educación innovadora e coa promoción do talento creativo entre os seus mozos e mozas.