A enogastronomía, eixo central de novos produtos turísticos do xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño
Durante o 2021 o xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño dará continuidade ás actuacións xa postas en marcha o pasado ano, con especial énfase na creación de contidos turísticos e novos formatos. Así, tendo en conta o Xacobeo 2021-2022, este ano o Camiño de Santiago terá un especial protagonismo con accións encamiñadas a aumentar a estancia posterior no territorio de peregrinos e peregrinas, visibilizando os principais atractivos da contorna das dúas variantes oficiais que pasan polos concellos do Xeodestino. Tamén apostarase pola enogastronomía como eixo central de novos produtos turísticos en base ao potencial vitivinícola e ás festas gastronómicas do territorio, conformando unha oferta singular, sustentable e desestacionalizadora que combine tradición e innovación.
Por outra banda, o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño porá en marcha tamén liñas de traballo que faciliten ás empresas o deseño de produto turístico comercializable, fomentando o traballo en rede e a creación de sinerxías. Ademais continuarase coa actualización de contidos, crearase novo material audiovisual, ampliarase o banco de imaxes e desenvolverase material para que as oficinas de turismo acheguen o territorio a todas as persoas visitantes.