A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas enviou unha carta á
Secretaría de Estado de Comunicación solicitando ao Goberno que adopte medidas
extraordinarias para soster o xornalismo durante a actual crise do coronavirus.
A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas insta o Goberno a que aprobe
urxentemente un paquete de axudas destinado a garantir o exercicio do dereito á
información. As empresas e os profesionais da comunicación, cuxo traballo é
sempre decisivo pero resulta aínda máis relevante nestes días de crise
sanitaria e que constitúen ademais o principal instrumento público de loita
contra a desinformación, aproxímanse a unha situación límite como consecuencia
do afundimento do mercado publicitario e da redución da actividade económica.
A evidencia de que esta
situación excepcional vaise prolongar durante semanas desatou a alarma entre os
profesionais do xornalismo, moitos dos cales están a tomaren riscos estes días
para garantir o exercicio do dereito á información de todos os cidadáns. As
empresas para as que traballan empezan a preparar planos de regulamento de
emprego e deixaron de contar con moitos colaboradores, medidas que sen dúbida
terán consecuencias sobre a calidade e a intensidade da información que desde
hai días se esforzan en seguir ofrecendo, en moitos casos de forma gratuíta.
Por esta razón, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas considera que se
non se tomaren medidas urxentes a información sufrirá serias consecuencias nun
momento no que é máis esencial que nunca.
Por todo iso, a Rede
solicita ao Goberno de España a adopción de medidas vinculadas ao mantemento do
emprego no sector da comunicación e a información así como ao sostemento do
traballo dos autónomos que prestan servizo nos medios, un colectivo
desgrazadamente cada vez máis numeroso. Así mesmo, a Rede de Colexios
Profesionais de Xornalistas puxo a disposición do Executivo a súa experiencia,
a súa infraestrutura e o seu coñecemento da situación para contribuír á
preparación dos planos de axuda.